Lío na Academia

A sucesión na presidencia, desenlace da guerra silenciosa dos grupos que a ocupan.

Por Horacio Vixande | Vigo | 31/03/2017

Comparte esta noticia

En todos os lados, o mundo da cultura organízase en grupos de interese e cenáculos que se confrontan entre si para beneficio dos egos e as economías das persoas que integran estes grupos. Aquí tamén se rexistra ese fenómeno para escándalo dalgúns e rexouba doutros.

En xeral, o mundo da cultura en Galiza exprésase a través de catro grupos de distinto aspecto: o piñeirismo –o máis tóxico de todos–, o ferrinismo –e a súa característica frescura–, a UPG –con todas as súas neuroses– e o integracionismo –caixón de xastre de moitos perseguidos-. Á marxe está unha longa lista de persoeiros da cultura que non participan do sistema e que tratan de padecelo o menos posible.

As principais institucións do mundo da cultura son a Real Academia, o Instituto Galego da Lingua e o Consello da Cultura, citados os tres por orde de perigosidade –de máis a menos. En realidade, non son máis que dous, xa que a Academia e o Instituto veñen a ser a mesma cousa, no sentido de que case sempre están mangoneados polos mesmos. O piñeirismo domina o Instituto e case sempre a Academia –Ferrín foi unha das excepcións.

Mentres o Consello da Cultura é un órgano da Comunidade autónoma que, aínda estando o PP no poder, exhibe unha pluralidade que está máis perto da realidade social, política e cultural do país, a Academia é un sistema pechado de acceso restrinxido e dominado polo piñeirismo. Para integrarse na Academia é precisa unha proposta dos seus membros. É, xa que logo, un sistema de cooptación para os subordinados dos grupos de interese que a ocupan: fundamentalmente o piñeirismo e, en moita menor medida o ferrinismo. O contorno da UPG e o integracionismo están excluídos.

Como a Academia ten un número de postos limitados e as persoas que a integran forman parte dela a perpetuidade ou até que abandonan, a renovación prodúcese moi aos poucos e case sempre acceden persoas designadas polas principais figuras do piñeirismo, ás que en teoría deberán eterno favor –ás veces traizoado. Así, a correlación de forzas nunca cambia. De feito, o ferrinismo constituíu unha infección inesperada.

Tras a defenestración de Ferrín como presidente debido ás súas alegrías, colocouse á cabeza da institución a unha figura de transición encarnada por un ilustre necrófilo –protagonista el de todos os enterros aos que acude– que preparou unha candidatura monolítica do piñeirismo para rexer de novo a Academia sen que o ferrinismo metese o seu fouciño. Foi unha manobra rápida, un traballo limpo. Os cadáveres que quedaron na cuneta apenas tiveron a oportunidade de protestar.

Agora, haberá algo de rebumbio. Non se preocupen: a cultura galega enfróntase a ameazas moitos maiores das que a Academia é quen de perpetrar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.