O tirón de Rosalía permite baixar os prezos dos .gal

O dominio galego suma 400 rexistros durante a campaña polo aniversario da poeta. Grazas a ela, a Asociación puntoGAL rebaixará os 50 euros que agora custa o identificador.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 31/03/2017 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

A Asociación puntoGAL anuncia unha paulatinamente rebaixa de prezo dos dominios. Os máis baratos que se poden rexistrar até hoxe rondan os 50 euros (50,9 en Dinahosting, a única rexistradora galega e que suma o 66% do mercado do .gal) , un prezo moi superior a doutros dominios máis populares, como o .com.

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

“A Asociación empezará a rebaixar os prezos a partir do día 1 de abril, coa intención de continuar o proceso de redución do custe nos vindeiros meses segundo vaia aumentando o número de rexistros”, informa o colectivo nunha nota.

A Asociación xustifica a rebaixa debido ao “importante incremento de 400 novos dominios rexistrados” en febreiro. Durante o mes de celebración do 180 aniversario de Rosalía de Castro, o puntoGAL rebaixou o prezo a só 5 euros, grazas ao apoio da Fundación Rosalía e da Xunta.

Isto permitiu incrementar nun 10% o volume de webs .gal, aproximadamente, e así “o dominio galego en internet, está a piques de chegar aos 4.000 dominios”.

O portal especializado nTLDstats indica que hai 3.968 identificadores .gal . Malia o recente crecemento, o galego segue a ser o menos popular de todos os dominios culturais e linguísticos que naceron canda el. O .eus anda polos 6.500, superando ao .bzh (6.400), por detrás do .cymru (6.800) e a moita distancia do exitoso .scot (11.400). 

Parte da directiva da Asociación puntoGAL
Parte da directiva da Asociación puntoGAL | Fonte: Marcus Fernández

Canto valerá o .gal coa nova rebaixa? A Asociación non o especifica, pero a lóxica indica que nunca poderá competir en prezo, por exemplo, con un .com (hainos dende 0,9 dólares) ou .es (dende 0,96€).  O .eus anda agora polos 15€ e o .scot polos 23€.

“A día de hoxe aínda non é posible igualar o prezo dun .gal ao dos rexistros máis populares debido ó tamaño do dominio galego e os custes ós que debe facer fronte cada ano”, argumenta a Asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ixtlan

Pídanlle ó Presidente do Goberno que xestione coa Xunta a creación dos dominios carreroblanco.gal, avemaria.gal e franciscofranco.gal. Supoño que estarán interesados.