Mariñeiros galegos defenden en Oslo os seus dereitos laborais

Organizados na plataforma Long Hope piden que se recoñezan os anos traballados baixo a bandeira dese país, tal e como se fixo xa cos mariñeiros de Francia ou Italia.

Por Erik Dobaño | Oslo | 04/04/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A vista oral do xuízo que enfronta a mariñeiros galegos contra o Estado noruegués comeza este martes en Oslo. Os mariñeiros, organizados na plataforma Long Hope, reclaman ás autoridades daquel país o recoñecemento dos dereitos a recibir as mesmas prestacións sociais polo traballo que desenvolveron en barcos noruegueses durante anos, entre as décadas do cincuenta e dos oitenta do século pasado. 

Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega
Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega | Fonte: Long Hope

Noruega négase a recoñecerlles, entre outros, o dereito á pensión que si lles concede aos mariñeiros nacionais. A razón é que as leis norueguesas, que non mudaron até 1994, impedían que os non residentes puidesen cotizar á seguridade social. Convenios bilaterais con Francia ou Italia resolveron o problema para os mariñeiros deses países, mais Noruega negouse a firmar convenio algún con España, mesmo xa cando o Estado español entrara na Comunidade Económica Europea. Sen embargo, nos anos sesenta asinou un acordo co réxime franquista sobre asuntos fiscais. Os mariñeiros galegos tributaban alá contribuíndo polo tanto ao gasto público daquel país. 

Juan Lores, ex mariñeiro de Portonovo, de 71 anos, presidente da plataforma que defende os intereses duns 12.000 afectados –uns 8.000 deles galegos “de todas partes, desde A Garda até Ribadeo, mesmo hai algún do Caurel”, segundo conta– viaxou o sábado a Oslo xunto con un pequeno grupo de ex mariñeiros que testificarán no xuízo e acompañados polo profesor de Dereito da UDC, Xosé Manuel Carril, que estudou o caso desde o inicio do proceso. Durante estes días realizarán concentracións ante a sede do Parlamento noruegués.

O xuízo é o primeiro dunha serie de tres que teñen pendentes pola demanda contra o Estado noruegués. Asinárona algo máis de 200 afectados, que lamentan o escaso interese do goberno español en apoiar a súa reivindicación. Desde a plataforma aseguran que non esperan “nada” da xustiza norueguesa, pero é preciso esgotar a vía xudicial alí antes de poder elevar o caso ao Tribunal de Estrasburgo que deberá determinar se houbo, por parte de Noruega, discriminación por trato desigual. O proceso levará inda uns dous os tres anos máis, estiman os mariñeiros, que esperan que por razón das súas avanzadas idades, os trámites poidan axilizarse. A vista en Oslo está previsto que dure até o venres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta