Por Galicia Confidencial | Lugo | 03/04/2017 | Actualizada ás 18:02
A canle Telelugo, propiedade do Grupo El Progreso queda, a partir de agora, con só dous traballadores, logo de despedir esta fin de semana a outros dous profesionais. Unha situación que “lamenta” a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).
O pasado venres 31 de marzo, Telelugo cesou nos seus postos de traballo a un xornalista e un cámara de televisión, alegando motivos económicos. Ambos os dous traballadores levaban sete anos traballando na canle e representaban o 50% do cadro de persoal, dado que a empresa xa sufrira no pasado unha redución de persoal.
Telelugo leva funcionando como televisión de proximidade desde o ano 1994 e actualmente ten licenza para emitir na Televisión Dixital Terrestre nas demarcacións de Lugo, Monforte, Vilalba e Viveiro, ademais de poder sintonizarse en toda Galicia a través da operadora R. “Ademais de que a precaria situación na que fica agora deteriora claramente a pluralidade e a calidade da información da cidade e a provincia de Lugo, cómpre lembrar que o espazo radioeléctrico é de dominio público, polo que a concesión de frecuencias podería asociarse ao compromiso do mantemento do emprego”, lembra o CPXG.
Alén diso, lembra que, medios de comunicación de proximidade como Telelugo, “resultan esenciais” para a cobertura da información e a creación de emprego en zonas que, como o interior de Galicia, son menos atendidas por outros modelos mediáticos. “A perda de postos de traballo non só é unha mala noticia para o persoal e o público destes medios, senón que ademais afonda no desequilibrio territorial de Galicia, tanto a un nivel informativo como económico e humano”, engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.