Temas: RIBEIRA SACRA

Ribeira Sacra, primeiro chanzo para ser declarada Patrimonio da Humanidade

O conselleiro Román Rodríguez prevé para "este verán" o expediente para que sexa declarada Ben de Interese Cultural, "paso previo necesario" para que poida presentar a súa candidatura á Unesco.

Por E.P. | Ourense | 03/04/2017 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, confirmou este luns en Ourense que está previsto que este verán se produza a incoación do expediente da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC). Rodríguez destacou que se trata do "paso previo necesario" para que poida presentarse como candidata a ser declarada como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Vista da Ribeira Sacra.
Vista da Ribeira Sacra.

Con motivo dun encontro en Ourense co presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, Román Rodríguez confirmou que nestes momentos a Xunta está a desenvolver "traballos técnicos fundamentais e básicos" para avanzar nesta candidatura.

O EXPEDIENTE TEN QUE SER "IMPECABLE"

Así, informou de que se está traballando "con moito mimo" na documentación de base para axustala aos requisitos necesarios, para que "o expediente sexa impecable" e que esta candidatura poida saír adiante.

O conselleiro destacou que se trata dun expediente "dunha enorme complexidade técnica", xa que afecta a uns 20 concellos das provincias de Ourense e Lugo, así como a "unhas 200.000 parcelas".

Ribeira Sacra.
Ribeira Sacra.

Con todo, Rodríguez confirmou que este verán se incoará a tramitación da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural. Trátase do paso previo necesario para que a Xunta poida presentar a súa candidatura ante o Ministerio de Cultura, que é quen finalmente decide cal é a proposta española para ser valorada como Patrimonio da Humanidade.

O anuncio dá resposta á petición unánime do pleno da Deputación do pasado venres, 31 de marzo, no que todos os grupos provinciais acordaron "esixir" á Xunta a "inmediata" finalización dos trámites pendentes para declarar esta zona como BIC.

A iniciativa partira do PSOE, que criticaba que a Ribeira Sacra é a proposta máis veterana (18 anos) na lista de bens e sitios de España que aspira a ser declarados Patrimonio da Humanidade.

Manuel Baltar mostrou a súa "satisfacción" pola reactivación da candidatura da Ribeira Sacra a partir da súa declaración como BIC, e coincidiu en sinalar a "complexidade" do expediente para impulsar esta candidatura.

Temas: RIBEIRA SACRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 asociacionvecinaldosaviñao

Pero logo de 2 anos e medio de estudos da universidade e consellería, de ánimos a todo o tecido social da comarca, vemos como hai que comezar todo de novo , cun secretismo que irrita ós vecinos. esto demostra, una vez mais a incompetencia de quenes nos están gobernando, tanto en Galiza como nas provincias, engañando continuamente á poboación. Deixense de contos e non veñan solicitando a colaboración da sociedade.