Galicia contará co primeiro parque experimental de I+D+i vinculado á enerxía eólica

O Grupo Norvento prevé construílo en Pastoriza (Lugo) co fin de facilitar o autoconsumo industrial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2017 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse este martes co presidente e co director de Renovables do Grupo Norvento, Pablo Fernández Castro e Iván Nogueiras Pérez, para coñecer o primeiro parque experimental de I+D+i en España vinculado á enerxía eólica e que esta empresa prevé construír en Pastoriza (Lugo) co fin de facilitar o autoconsumo industrial.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

O conselleiro puxo en valor a oportunidade que supón esta iniciativa para ofrecer, desde Galicia, novas solucións tecnolóxicas no sector eólico e das enerxías renovables.

Este parque experimental, que se atopa na fase de tramitación administrativa e cunha potencia prevista de 2 MW, inclúe o desenvolvemento dunha gama de aeroxeradores de media potencia que serán avaliados para a súa posterior fabricación en serie e comercialización.

En concreto, o deseño proposto por Norvento está exento de sistema hidráulico e incorpora solucións tecnolóxicas innovadoras para os aeroxeradores comerciais de potencia media (entre 100 e 700 kW).

O parque contará con dúas fases de construción. A primeira, cun investimento inicial de máis de 3,5 millóns de euros, consistirá na instalación de dous aeroxeradores cunha potencia individual de 100 kW. A segunda fase incluirá a construción doutro tres aeroxeradores.

Unha das novidades que presenta este proxecto é a posibilidade de cambiar a potencia das unidades, é dicir, poder substituír os aeroxeradores por máquinas de ata un máximo de 700 kW.

Conde destacou a aposta da Xunta polo sector eólico e lembrou que os 23 parques autorizados no concurso están a xerar investimentos de 1.000 millóns de euros e a creación de 2.000 postos de traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta