Que pasa en En Marea?

A formación que lidera Luís Villares está dividida. Por un lado, unha fronte ampla de mareas e colectivos e, pola outra, formacións de corte clásico. Pero, na raíz do problema subsiste un problema de liderato e de orientación deste amplo movemento político.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

En Marea está dividida e, case á metade. Pero é difícil de entender –e máis de explicar-- como a formación chamada a marcar un tempo político en Galicia se atopa nesta situación cun líder cuestionado, unha coordinadora na que non quixo estar un sector importante e cos principais rexedores das mareas no bando contrario ao do líder deste conglomerado de formacións políticas.

Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo
Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo | Fonte: Marea Atlántica.

Pero, para entender este quebracabezas hai que ir por partes. E a primeira parte comeza cando o sector que agora está enfrontado ao actual líder da formación, Luís Villares, foi o que o presentou e o defendeu como candidato á Xunta. Pero que pasou para que se dera un xiro de 180º nestas posturas iniciais?.

Para iso hai que ir á segunda parte; aquela na que Villares comezou a exercer como líder parlamentario e comezou a configurar un grupo propio de xente. Foi entón cando comezaron as diverxencias con algunhas grandes mareas, principalmente, coa Marea Atlántica e con distintas formacións políticas, nomeadamente, Anova e EU. Unhas diferencias que se acrecentaron pola intención de Villares de presentarse como coordinador de En Marea, en contra da posición de moitos dos socios que o defenderan desde o primeiro momento.

Foi entón cando se tentou chegar a consensos dentro do colectivo Máis Alá que foi o que obtivo o 55% dos votos na pasada asemblea de Anova, un colectivo formado por xente moi variada pero nucleado en torno á Marea Atlántica, Anova e un sector menor de Podemos e Esquerda Unida, que, ademais, contaba coa presenza de xente do Foro Galego e outras mareas menores.

Luís Villares, respaldado por outras listas

E de aí pásase á terceira fase, que é a actual, na que, Luís Villares é o actual coordinador de En Marea pero co respaldo, sobre todo, das outras dúas listas que saíron desa asemblea, e que non eran a súa; Queremos Participar e Somos Quen. E como se chegou a esa situación?

Luís Villares, Davide Rodríguez e Xosé Manuel Beiras nun mitin
Luís Villares, Davide Rodríguez e Xosé Manuel Beiras nun mitin | Fonte: En Marea

Hai semanas que dentro de Máis Alá se discute a fórmula para chegar a un consenso dentro da coordinadora, sobre todo, no relativo a evitar que Villares asumira o liderato da coordinadora de En Marea e a portavocía na Cámara. Unha cuestión na que coincidían tanto o propio Villares, como o histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras. Sen embargo, ese punto, xunto co da proporcionalidade na lista final, supuxo un atranco definitivo.

As relacións entre Villares e unha parte da súa lista co resto da candidatura eran prácticamente nulas desde hai semanas. De feito, un sector importante de Máis Alá acusa a Villares de estar detrás da presentación da candidatura de Somos Quen, con xente de Anova. “Unha táctica para tentar forzar cambios dentro da permanente desta lista”, apuntan a GC fontes consultadas. 

Unha afirmación que negan rotundamente desde o sector de Villares. “O que pasa é que hai un sector de En Marea que quere impoñer as decisións manu militari”, suliñan. Unha clara alusión a un sector concreto de Anova e da Marea Atlántica. 

Duras negociacións

E con estas divisións chegouse ao pasado venres no que afins a Villares presentaron un documento e unha proposta de lista (pódese consultar no GC Plus). Nesa proposta a porcentaxe era sete para Máis Alá, tres para Queremos Participar e un para Somos Quen. Parecía que ía haber acordo pero, finalmente, non foi así. A Marea Atlántica foi rotunda na súa negativa a que Villares asumira a portavocía de En Marea.

Nin tan sequera a mediación de Xosé Manuel Beiras, segundo as fontes consultadas, serviu para cambiar o choque de trens. “Beiras tentou convencer á nova direccion de Anova para que apoiaran a proposta de Villares, pero sen conseguilo”, suliñan.

Así que se chegou ao sábado con outra proposta enriba da mesa. Villares tería proposto outra nova lista de sete nomes de Máis Alá coa presenza de Iago Martínez, da Marea Atlántica; Rafa Dopico, de Anova e Noemía Prados, de Esquerda Unida. Pero tampouco foi aceptada esta proposta. “Ao final, o problema era que nin tan sequera querían que fora unha lista proporcional como recollen os propios estatutos”, engaden fontes afíns a Villares. “A cuestión é que Luís viña xa cunha proposta pechada e incumprindo os acordos previos de Máis Alá”, apuntan desde o outro sector.

En todo caso, e logo dun longo debate, o pasado domingo, un sector de Máis Alá decidiu non participar dunha lista de consenso. Nese sector está a Marea Atlántica, Ourense en Común, Esquerda Unida e parte de Anova e de Podemos --sector errejonista--. Outra parte de Podemos –afín a Carmen Santos-- e de Anova –a que lidera Davide Rodríguez--, así como xente do Foro Galego, de Cerna e representantes de mareas locais de cidades e vilas apoiaron a candidatura de Villares.

A partir de agora ábrese outro novo capítulo neste longo desencontro, un capítulo que xa comezaron algúns alcaldes, nomeadamente o da Coruña. Xulio Ferreiro adveritu que a elección da coordinadora de En Marea "rompe unha lista de consenso e confluencia", ademais de excluír "sensibilidades maioritarias”.  Un claro aviso de que hai un sector que non acepta a esa nova coordinadora e que seguirá dando batalla.

Martiño Noriega e Xulio Ferreiro
Martiño Noriega e Xulio Ferreiro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 61 comentarios

30 Breixo

Lembro cando a Sara Torreiro se afirmaba hai 3 anos "sempre Bascuista"...beirista, bascuaista, villarista...persoas sen personalidade, que só buscan estar na foto, facerlle a pelota ao de quenda, sen máis capacidade politica demostrada....Villares a onde vas coa tropiña esa? Pois a liderar a todo En Marea...nin mais nin menos....en fin. Que a partir de agora vos acompañen outros e a sorte. Non pensades na xente nin respectáctes o que aprobamos En Marea todos e todas.

29 José Antonio Ramírez Amor

Pepiño Grillo, tamén é lástima que tendo tan mala opinión da persona que citas non teñas tamén a galanura de escrebir co teu propio nome. Tras nick os argumentos "ad hominem" perden forza. De acordo coa adscripción persoal. Repítoo por si non se escoitase ben AS MAREAS E EN MAREA BASÉANSE NA ADSCRIPCIÓN PERSOAL, NON PARTIDARIA. De feito son os partidos os que non se recoñecen nesa coordinadora (con algunha persoa non comulgo nin de lonxe), pero iso é o que ten o votar en vez de cooptar. Espero que podamos atoparnos algunha vez cun café e falar do país e a cidadanía. O que importa.

28 Aurichu Sanchez

Villares notaselle que e moi trepa, e o mesmo tempo un pouco torpe, mira moi a curto prazo. Ben se ve, que está asesorado por palleiro e por Mario López rico.

1 Dalle que libras

Afortunadamente, eses dous contan pouco para Luís Villares

27 Ana

Política basureira, trepas chupópteros

26 Loisete

Yolanda Díaz é deputada por En Marea ou por Esquerda Unida?? Porque sae hoxe valorando os presupostos do Estado coma portavoz de Esquerda Unida. Eu votei En Marea non EU. Ésta é a resposta á elección de Villares e a falta de protagonismo de EU?

1 Kollontai luguesa

Pois meu filliño terte documentado mellor. Sodes coma nenos algúns... Por isto vos enganan tan ben: abusan da vosa candidez. E despois cando teñen os seus postiños xa nin se acordan de vós nin dos vosos problemas. http://elpais.com/diario/2009/02/25...