Denuncian o cese de catro directoras de bibliotecas públicas

BAMAD Galicia critica que a decisión se tomara uns días antes da celebración en todo o mundo do Día do libro infantil, o pasado 2 de abril.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/04/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de cesar a catro directoras das seis bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego sen que recibiran explicacións, nin motivos públicos da razóns destes despidos.A decisión foi comunicada o pasado 30 de marzo, tres días antes da celebración en todo o mundo do Día do libro infantil, e publicada este luns 3 de abril.

Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago
Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago | Fonte: santiagoturismo.com

As directoras cesadas traballaban nas bibliotecas da Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela. Por iso, BAMAD Galicia lamenta esta decisión e lembra que ten pedido en numerosas ocasións que as prazas das Direccións das Bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia non se cubran mediante o sistema de libre designación, porque “posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración”, senón mediante concurso. De feito, a Consellería de Cultura mantiña este sistema até 2013.

“Desde a Asociación seguiremos defendendo o sistema de concurso para o seu nomeamento porque é o que garante o acceso dos/das mellores profesionais e o exercicio da profesión con independencia”, indica esta entidade nun comunicado.

Ademais, lembra que estes ceses teñen lugar nos meses de abril e maio, coas celebracións dunhas das datas máis relevantes para a dinamización das bibliotecas como son o Día Internacional do Libro infantil, o Día Internacional do Libro e o Día das Letras galegas. “Ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta