Investigan como producir enerxía eléctrica a grande escala con restos de eucalipto e piñeiro

Científicos da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo estudan a viabilidade de usar restos de corta para producir enerxía eléctrica.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/04/2017 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia aprobou o pasado mes de decembro a derrogación do decreto que impedía a instalación en Galicia de plantas de produción de enerxía eléctrica de máis de 10 megavatios a partires de biomasa, abrindo así a posibilidade a unha produción enerxética a grande escala que empregue como materia prima produtos forestais. Estudar a caracterización físico-química e avaliar o rendemento enerxético en caldeiras de restos de cortas que actualmente constitúen fundamentalmente un residuo constitúe o obxectivo central do estudo que desenvolven os investigadores Luis Ortiz, Antonio Vázquez e Juan Luis Somoza, da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, no marco dun contrato de transferencia coas empresas G Renova e Greenalia, do grupo García Forestal, que ten como fin último determinar a viabilidade de empregar pacas de restos forestais como subministro para plantas de produción eléctrica duns 50 megavatios.

Pacas de restos de corta de eucalipto e piñeiro
Pacas de restos de corta de eucalipto e piñeiro | Fonte: UVigo.

“O consumo destas plantas sería dunhas 500.000 toneladas de biomasa ao ano, polo que se trata dun proxecto moi ambicioso”, sostén Ortiz dunha iniciativa que ten nas análises que se realizan na EE Forestal o seu punto de partida, xa que o seu obxectivo é analizar a viabilidade de aproveitar “eses residuos que se van xerando de forma dispersa e que en moitos dos casos non se están valorizando de ningunha maneira”.

Concretamente, traballaron con pacas de restos de cortas pertencentes a dúas especies de eucalipto, o Eucalyptus globulus e o Eucalyptus nitens, e unha de piñeiro, o Pinus radiata. “Trátase de pacas duns 400 quilos, de residuos de menor calidade, que o máis habitual é trituralos e deixalos no monte, e o que se fai é ver o seu posible aproveitamento enerxético como biomasa”, engade Somoza, dun traballo que, ao abordar o seu uso como combustible en plantas de grandes dimensións, ten como punto de partida estes paquetes de máis de dous metros de longo que farían máis sinxelo o seu transporte e almacenaxe.

As facilidades que o empacado supón á hora do transporte teñen pola contra os seus efectos no rendemento enerxético desta biomasa, como constatan os estudos realizados polos investigadores da EE Forestal coas diferentes pacas subministradas polas dúas empresas que promoven este proxecto. “Realizamos estudos das cinsas, dos seus poderes caloríficos e da súa composición, tanto da cortiza como da madeira de forma separada”, explica Ortiz, que apunta á presenza de “restos de tipo árido” nestas pacas, derivados en boa medida do proceso de recollida, compactado e encintado das pólas, que fan que “o produto sexa de menor calidade e se eleve moito a porcentaxe de cinsas”.

A presenza destes áridos, engade Somoza, fai que “o rendemento enerxético baixe moito, pese a que son produtos cun alto nivel calorífico”. De feito, a presenza nestes restos de corta de potasio ou sílice provoca que diminúa a temperatura de fusión, o que podería derivar en problemas de sinterización das cinsas, a xeración de pedras nas caldeiras que diminúen o seu rendemento. “Antes da combustión, primeiro hai que tratar de xestionar o residuo para que estea o máis limpo posible, recoller esta biomasa de maneira que haxa a menor cantidade posible de area, barro ou pedras”, salienta Ortiz dun estudos que, nese senso, comprenderon tamén a análise das diferentes mostras unha vez limpadas con auga ou con vibración, co propósito de constatar se diminuíu a presenza destes materiais. 

Máquina cortando eucaliptos.
Máquina cortando eucaliptos.

Por outra banda, estas análises tamén permitiron coñecer que esta problemática era máis acentuada no caso das cortizas que no da madeira, caracterizadas de forma separada neste proxecto. “No relativo aos poderes caloríficos, comprobamos que é máis elevado o do piñeiro que o dos eucaliptos, aínda que as diferenzas non son demasiado grandes”, engade Ortiz. 

É RENDIBLE?

A existencia destas problemáticas fai destas caracterizacións físico-químicas o primeiro chanzo de cara a analizar a viabilidade do uso destes materiais para a produción de enerxía eléctrica. “En principio, tal e como está formulado, si podería ser rendible, porque se trata de residuos que actualmente non teñen ningún uso”, salienta Ortiz, dun proxecto que, en primeiro termo, pasa por estudar “a viabilidade do empacado como unha fórmula para reducir eses custos, sobre todo cando se trata de transportar unha gran cantidade a grandes distancias”. Non en van, pese a existencia de “experiencias previas máis pequenas” do uso de biomasa para a produción de enerxía eléctrica, non se abordara previamente o potencial dun sector, o da biomasa para unha produción á escala que formulan as empresas impulsoras do proxecto.

De aí a importancia, como sinalan estes investigadores, que estas análises de poderes caloríficos e temperaturas de fusión se realicen “ao máximo detalle posible, porque ao final diso depende tamén o deseño das propias caldeiras e que o proxecto sexa viable ou non”, conclúe Ortiz en declaracións recollidas por Eduardo Muñiz, da Universidade de Vigo.

Unha plantación de piñeiros ameaza outra de frondosas
Unha plantación de piñeiros ameaza outra de frondosas | Fonte: campogalego.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 coidador

Eso chamase esquilmar. A trituración dos restos de cortas é esencial para o mantenimento da fertilidade e a recuperación da materia orgánica do chan. E un xeito mais de empobrecer o monte. Ainda que xa se fixo durante centos de anos levando o estrume do monte ás leiras.