Galeguismo, españolismo e europeismo

Estes son os tres ismos que se usan en política en relación á identidade galega, española ou europea, hai algúns políticos en Galicia que nos autodefinimos como europeistas e somos lexión os que nos autodefinimos como galeguistas, a laxitude no uso e abuso do termo galeguismo é case infinita, se lles preguntasemos a Corina Porro, Abel Caballero, Núñez Feijóo, Javier Losada e a Carlos Negreira se son galeguistas non dubidarían en responder afirmativamente, Manuel Baltar diria que é máis orensanista pero que tamén é galeguista, tamén hai unha porcentaxe de galegos, segundo o CIS, o 28% que se consideran nacionalistas galegos, sen embargo ninguén se define como españolista ou como nacionalista español, nen o CIS, nen a maioria dos creadores de opinión consideran que exista unha ideoloxia política identitaria españolista ou nacionalista española, e eu preguntome, como é posible que non haxa un respaldo político a un estado-nación como España? Quen sostén a viabilidade dese estado-nación se ninguén cre nel, se non hai nacionalistas españois como nos queren facer crer?.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 18/02/2010

Comparte esta noticia

Estamos perante outra roda de muiño máis para comungar, como se tivesemos que comungar con poucas xa,  moitos creadores de opinión e de significado tratan de evitar, interesadamente, o uso deses termos, mesmo se permiten o luxo, de definir aos partidos de ámbito español con termos como constitucionalistas ou termos por oposición como “non nacionalistas”, os propios PP e PSOE non sinten a necesidade de reinvindicar a existencia da nación española posto que é unha realidade xurídica e historicamente consolidada e cun estado ao seu servizo polo que non é necesaria ningún tipo de reinvidicación neste sentido, xogando con trampas consiguen unha vantaxe na batalla simbólica e conceptual, eles son abertos e moi cosmopolitas mentres os outros somos pechados, non somos capaces de ollar alén de Pedrafita ou do Padornelo ou iso é o que pretenden que acreditemos.

Dicia ao comezo que era europeista, no escenario, afortunadamente globalizado, que nos toca vivir, a xeopolítica esixe a creación e consolidación de unidades estatais cada vez máis grandes, o auxe de Asia e do noso país irmán Brasil, colocanos aos europeos perante a perspectiva dunha perda de peso internacional que se vai ir acentuando en poucos anos e nos que mesmo estados como Alemaña, o Reino Unido ou Franza van pintar cada vez menos, nese novo contexto estados como o español ou un hipotético estado galego van perdendo adecuación e utilidade como marcos xurídico-políticos para o mellor desenvolvemento das nosas vidas en liberdade e prosperidade.

Na miña opinión Europa ten que tender cara a constitución dun Estado Federal no que Galicia podería ser un deses territorios federados, sendo Galicia o meu referente territorial de acción política, eu estaria moi cómodo nesa situación, sen embargo estou convencido de que esa perspectiva poria os cabelos de punta aos nacionalistas de estado franceses, británicos ou españois, incapaces de renunciar a que a sua nación sexa independente e que teña un estado propio. Son estes nacionalistas aos que arrepiarían as cesións de soberanía necesarias para seguir construindo o imprescindible proxecto europeo común, Obama acaba de dar plantón á UE, dicindo que non asistirá á cimeira UE-EUA, dase conta de que cada vez lle aporta menos unha Unión Europea na que cada quen vai por libre e cos problemas internos que ten nos Estados Unidos e unha Asia que si demanda cada vez máis atención, unha foto en Madrid para axudar a Zapatero a distraer a atención da sua incapacidade manifesta para encarar a crise, xa non vale o seu tempo, a acelerada perda de peso internacional dos actuais estados soberanos europeos, mesmo dos máis fortes, vai colocar aos supostamente inexistentes nacionalistas españois diante do seu propio espello, os galeguistas-europeistas estamos mellor preparados para o futuro ademáis de sermos capaces de mirar non só alén do Padornelo e de Pedrafita senón tamén alén Miño, alén dos Pirineos e alén do Atlántico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA