A "igualdade" do PPdeG

Nos últimos anos o Partido Popular de Galicia alza a bandeira da igualdade en cada sesión parlamentaria na que se lle se reclama maiores recursos ou se critícan certas prácticas da súa administración. Non se pode negar que o partido de Feijóo non aprobe todas as iniciativas lexislativas que defenden os dereitos das mulleres, aínda que despois, non teñan aplicación por falta de dotación orzamentaria.

Por Patricia Grela González | A Coruña | 10/04/2017

Comparte esta noticia
Admitamos que realmente teñen unha sensibilidade especial coa desigualdade entre homes e mulleres, admitamos que queren defender as mulleres. A pregunta aquí sería: que modelo de muller defende o Partido Popular?
 
Galicia Confidencial publicaba a concesión de axudas a mulleres en risco de vulnerabilidade social das que saían beneficiadas asociacións antiabortistas como Red Madre. Esta convocatoria saíu da Secretaría de Igualdade e foi en parte financiada polo FSE, un fondo europeo destinado a «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación».
 
Esta situación fai saltar todas as alarmas nos colectivos e nas persoas que defendemos a liberdade das mulleres para elixir sobre os seus corpos e as súas vidas. As que temos un concepto de igualdade baseado na loita contra o patriarcado e no remate dos estereotipos de xénero que reducen ás mulleres a meros corpos xestantes non entendemos a “igualdade” do PP. Sentimos que temos moito traballo por diante cando seguimos escoitando noticias como estas, nas que unha asociación, creada para disuadir e manipular a mulleres moi novas sobre a súa capacidade de elección na maternidade, segue a recibir financiamento con cartos públicos baixo o pretexto da protección ás mulleres.
 
A aprobación dunha ILP promovida por Red Madre no parlamento galego foi a primeira iniciativa que aprobou a maioría do PpdG. A iniciativa chegou ao parlamento grazas ao traballo de Hazte Oír e o Foro Español de la Familia na recollida de sinaturas, feito moi revelador sobre qué protección queren facer sobre as mulleres. 
 
Esta lei preséntase como unha necesidade de asegurar a “liberdade da muller para elixir” e pretende crear unha rede de mulleres embarazadas en risco de exclusión social, algo no que, a priori, todas concordariamos. Non obstante, quen fai a lei, fai a trampa: unha das prioridades que establecen é a creación de centros de asesoramento á muller embarazada nos que a suposta liberdade de elección, queda suxeita a súa ideoloxía ultraconservadora e a información que dan ten como única finalidade impedir que as mulleres exerzan o seu dereito fundamental ao aborto. 
 
Non estou en contra de que existan estas asociacións, todas as ideoloxías deben ter espazo para a súa liberdade de expresión. Outra cousa é o que está a facer o Partido Popular neste caso, que é facilitar unha financiación pública a actividades que van en contra dos dereitos fundamentais das mulleres. 
 
Quizais é hora de que o partido do goberno galego remate co seu carnaval e nos diga a todas as mulleres que espera de nós, que concepto ten de igualdade cando adica máis esforzos a defender a súa imaxe que a verdadeira protección dos nosos dereitos e das nosas vidas. Polos menos deixaríamos de perder o tempo. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.