“O turismo reforzou a imaxe da nación española fronte a nación galega”

Un estudo de investigadores da Universidade de Santiago conclúe que a clásica promoción turística de Galicia como destino do Camiño de Santiago e como paisaxe rural foi "un instrumento político eficaz" para "reforzar a idea de España" e dunha Galicia "submisa".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As campañas turísticas sobre Galicia serviron para "reforzar a España como Estado-nación e mesmo para lexitimar a ditadura franquista" e contribuíron á "construción dunha imaxe de Galicia baseada no ruralismo e nos atributos sociais ligados á feminidade, como a melancolía, que pode conducir ao rexeitamento de Galicia como suxeito político". Así o conclúe o estudo 'Tourism and nation in Galicia (Spain)', publicado na revista Tourism Management Perspectives e asinado polos investigadores Xosé M. Santos e Juan Manuel Trillo Santamaría, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Promoción turística de Galicia en 1945 e da Coruña e o marisco galego en 1969
Promoción turística de Galicia en 1945 e da Coruña e o marisco galego en 1969 | Fonte: 'Tourism and nation in Galicia' (Xosé M. Santosa e Juan Manuel Trillo Santamaría).

Aínda que se asume que Galicia desempeñou un papel secundario na política turística española ao longo do último século, este autores argumentan que "o turismo desempeñou un papel significativo desde un punto de vista ideolóxico, reforzando a imaxe da nación española fronte a nación galega", fundamentalmente mediante a promoción do Camiño de Santiago, que "adquiriu un gran valor simbólico con respecto á unidade de España e os vínculos españois coas raíces europeas", e tamén mediante unha "idea estereotipada" do noso país mediante "o ruralismo e o sentimentalismo asociados coa propaganda turística de Galicia", que axudaron a reforzar a imaxe dun "territorio submiso", expoñen os investigadores da USC.

"O nacionalismo galego non logrou construír unha imaxe alternativa" e "contribuíu ao fortalecemento das tendencias dominantes no nacionalismo español".

O turismo en Galicia foi, polo tanto, "un instrumento político eficaz" que utilizou a promoción e, a miúdo, a propaganda , segundo estes autores, para "reforzar a idea de España, recorrendo ao papel histórico de Santiago de Compostela e ao fenómeno Xacobeo", ao mesmo tempo que contribuíu á "difusión dunha imaxe subordinada de Galicia a través do uso da nostalxia e a feminización vinculadas á paisaxe".

Porén, e a diferenza de lugares como Cataluña (Vargas, 2015) e algúns territorios de Gran Bretaña, "o nacionalismo galego non logrou construír unha imaxe alternativa". De feito, aseguran que "a través das súas orientacións estratéxicas e das súas accións (tanto históricas como actuais), contribuíu ao fortalecemento das tendencias dominantes no nacionalismo español", argúen os investigadores tras analizar o fenómeno turístico en Galicia no último século.

Promoción dos Camiños de Ferro do Norte en 1900 e das rías galegas en 1930
Promoción dos Camiños de Ferro do Norte en 1900 e das rías galegas en 1930 | Fonte: 'Tourism and nation in Galicia' (Xosé M. Santosa e Juan Manuel Trillo Santamaría).

"O turismo contribuíu ao establecemento dunha imaxe de Galicia como territorio apracible que é submiso ao Estado".

O foco principal desta investigación foi o período da ditadura de Franco (1939-1975), aínda que percorre un século enteiro de actividade turística. Nel, os seus autores din demostrar que "aínda que Galicia foi a miúdo excluída das principais políticas turísticas do goberno español, pode desenvolverse unha lectura ideolóxica en termos de política nacional e identidade". Máis detalladamente, defenden que "en termos de turismo, a política nacional de España tentou entender Galicia desde a perspectiva nacional española (e non galega)". Por qué?

Por unha banda, os investigadores observaron que Galicia foi sempre considerada un "elemento cohesivo da identidade nacional española e un instrumento para a difusión dos valores que son particularmente útiles para a promoción da unidade nacional".

Por outra banda, da súa análise chegan á conclusión de que "o turismo contribuíu ao establecemento dunha imaxe de Galicia como territorio apracible que é submiso ao Estado", de xeito que "o turismo foi utilizado como ferramenta para o desmantelamento do nacionalismo galego, cuxa fortaleza foi particularmente evidente durante os anos vinte e trinta e que estivo rexurdindo desde 1975", explican Santos e Trillo.

Imaxe promocional do Ano Santo de 1948 e 1965
Imaxe promocional do Ano Santo de 1948 e 1965 | Fonte: 'Tourism and nation in Galicia' (Xosé M. Santosa e Juan Manuel Trillo Santamaría).
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

4 Vaites Vaites

Efectivamente......o nacionalismo galego repuntou repuntou......e logo chegou Beiras e o desfiuzou......!

3 Arturo

Amin toda esa trécola de que se a sumisión e o servilismo sóname a cousa de fai sesenta anos. Eu non vexo, hoxe, eiquí, nen sumisión nen servilismo, nen galegos ca cabeza baixa , nen prezos asombrosamente baixos por ningures. Un pouco desfasado o tema. Están a falar da realidade dos 50 - 60, non de hoxe. Hoxe, a realidade non é esa.

2 Alberte

Marisco baratísimo!!!

1 Failde

Certo, a incapacidade do nacionalismo galego no poder (concellos da Coruña -compartido, pois o primeiro foi fugaz, e agora-, Ferrol, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela, etc., nas deputacións e na Xunta bipartita) foi notable. Continuaron o herdado, reproduciron a imaxe centralista, non aproveitaron a nosa identidade diferenciada como un valor cultural, histórico, gastronómico de calidade, ofreceron submisión e servilismo: servos para agradar ao visitante a cambio de esmola! Nada de facer pensar ao turista, puro consumo, enchenta facilona, hospedaxe barato, miseria de postos de traballo... Souvenirs e galeguiños amables para servirle! Noxo de vendidos "nacionalistas" que actúan con mentalidades de españolistas!

1 Serio

Se cadra non é tanto a acción positiva ou negativa do nacionalismo nos concellos coma que os críticos, coma ti, levan a repetir papagaiamente os mesmos tópicos servidos por axentes de intereses contrarios. En Vigo e Ferrol, acción negativa. En Pontevedra, Compostela ou Lugo, foi positiva.Das outras cidades non teño datos. E o bipartito foi moito máis positivo ca negativo, os datos aí o están. Eu podo dicir que foi positivo do BNG naquela altura e que foi negativo porque sei ler e entender o que leo e vexo. Ti creo que deberías anovar eses manidísimos recursos pseudocríticos que son, sinxelamente, mentira. Hai moito preguiceiro mental que acha que "ser crítico=falar por falar" e xa pode ir de esquerdallo por aí. Logo flipamos con que gañen os ladroísos pero é que a nosa banda é iso: unha banda sen formación nin criterio.