Por gcdeportes | Vigo | 07/04/2017 | Actualizada ás 16:26
O Celta "non marcha de Vigo, senón que o botan". O desafío de Carlos Mouriño semella irreversible. A decisión de marchar de Vigo estaría xa tomada despois de oito anos tentando avanzar sen éxito nos seus proxectos: “Non poñemos datas pero é unha decisión irreversible. Temos algunhas posibilidades". De xeito sorprendente, o presidente do Celta anunciou que o club sairá da cidade de Vigo porque lles "botan", ao non permitirlles "crecer" coa compra do Estadio Municipal de Balaídos. Sostén Mouriño que "non hai retorno" despois de "oito anos de loita continua sen poder avanzar nin un só paso en nada" e asegura que o club traballa xa na busca dunha localización tanto para o novo estadio como para a cidade deportiva.
"O problema segue sen resolverse en oito anos. Ningunha solución. Dígoo sen acritude, sen ameaza, porque é o único camiño que nos deixa, porque teño que explicar á afección e á cidadanía que non nos imos, que nos botan e non hai retorno. Non máis silencios cómplices", declarou este venres nun encontro dixital con internautas.
Neste senso, Mouriño lamentou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rexeitase as súas propostas de comprar o coliseo celeste, de propiedade municipal, e que nos medios de comunicación falase dunha posible concesión administrativa por 50 anos cando esta xa se rexeitou por parte do club. "A rotunda negativa a esa formulación démoslla persoalmente ao señor alcalde, con testemuñas, antes de que a publicasen, argumentando por que era inviable, dándolle toda clase de motivos que facían imposible a aceptación da proposta", subliñou.
"Non sigamos con enganos. A miña dúbida é que se persoalmente o Celta rexeita nunha reunión esa opción, por que se presentou bastantes días despois á cidade dicindo que había posibilidades de aceptación se xa estaba total e definitivamente rexeitada polo Celta. Manipulación? Desinformación? Por que non se dixo que xa estaba rexeitada?", proseguiu.
Críticas a Abel Caballero
O presidente Carlos Mouriño cuestionou as inxerencias do primeiro edil no rumbo da entidade. "Señor alcalde, asegura que o Celta xamais sairá de Vigo. Lémbrolle que vostede é o administrador de Balaídos, pero non é o dono do RC Celta. Non serei eu quen lle diga como ten que levar o Concello, non sexa vostede quen me diga como e que facer co Celta", advertiu.
"Por que ese empeño en non deixar crecer o Celta? Con vostede ou sen vostede, trataremos de que o crecemento do Celta non o pare ninguén. Se ese crecemento non é en Vigo con vostede, ese crecemento será fóra de Vigo sen vostede", manifestou.
Para o empresario, "é o mesmo que leva facendo os últimos oito anos, desde que se presentou a cidade deportiva de Valladares". "Facendo un símil, diría que o que propuxo, unha vez máis, é dar unha patada cara a adiante, tirar balóns fóra e a perda deliberada de tempo", continuou nas súas críticas a Caballero.
Por todo iso, explicou que "o proxecto se cambalea, non ten futuro sólido". "Traballamos e seguimos traballando e non conseguimos despexar o futuro, importante non só para o celtismo, senón para a cidade, para Galicia. Entoo o meu 'mea culpa', a miña equivocación. Non máis silencios cómplices e de esperanza", advertiu.
O problema parte da base de que, segundo Mouriño, non hai "vontade política" de vender Balaídos ao club. "Claro que se pode vender Balaídos, pero hai que ter vontade política. É moi difícil de entender o que está a pasar co Celta. Tomar a determinación de irnos de Vigo é porque son oito anos de loita continua sen poder avanzar nin un só paso en nada", indicou.
Neste senso, o mandatario celeste explicou que traballan na busca dun terreo fóra da cidade olívica onde construír tanto un novo estadio como unha cidade deportiva que substitúan a Balaídos e A Madroa. "Empezamos a buscar todas as alternativas posíbeis fóra da cidade dunha forma irreversible", apuntou, antes de informar de que investirán uns 70 millóns de euros, 50 para o estadio e 20 para a cidade deportiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.