A crise serviu de “coartada” para o “desmantelamento” da educación ambiental en Galicia

Investigadores da Universidade de Santiago evidencian que os recortes foron especialmente duros cos educadores ambientais galegos, gremio no que a taxa de paro aumentou por enriba da media e no que a caída dos salarios e da actividade foi dramática.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 10/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de publicar un estudo que achega evidencias do "desmantelamento" da educación ambiental en Galicia coa "coartada" da crise económica. Publicado na revista Educação e Pesquisa (Universidade de São Paulo), o estudo, titulado 'Crisis económica y profesionalización en el campo de la educación ambiental: comparativa 2007-2013 en Galicia', fíxose mediante enquisa en liña a unha mostra de profesionais que traballan neste eido en Galicia, utilizando como principal perspectiva analítica a comparación da súa situación socio-laboral no albor da crise, ano 2007, coa experimentada a principios de 2013.

Membros da Sociedade Galega de Educación Ambiental
Membros da Sociedade Galega de Educación Ambiental | Fonte: SGEA.

"Os datos evidencian este desmantelamento, así como certas debilidades internas do eido da educación ambiental que o fan especialmente vulnerable. Ante esta situación, deféndese a necesidade dunha política pública de educación ambiental, que debe ter na Administración Autonómica o seu principal actor responsable, que contribúa a consolidar e estabilizar o eido", conclúen os autores do estudo, Pablo Ángel Meira Cartea, María Barba Núñez e Juan José Lorenzo Castiñeiras.

Os investigadores atoparon no seu estudo unha "marcada feminización" no eido da educación ambiental, no que as mulleres representan o 68,3% da mostra, pero cobran menos. Os datos obtidos tamén expresan un "potencial de renovación xeracional limitado", xa que a maioría dos profesionais, o 62,4%, sitúase no intervalo de idade entre os 30 e os 40 anos, non contabilizándose casos na categoría de menores de 25 anos. E apuntan a unha "ultra-precarización" destes profesionais, con máis destrución de emprego ca outros sectores e unha caída dramática dos salarios.

DATOS POR SECTORES

O estudo distingue cinco grandes sectores no eido da educación ambiental: o sector privado, que engloba tamén as empresas cooperativas; o terceiro sector, que agrupa a organizacións non gobernamentais; o sector das administracións públicas (central, autonómica e local); outros ámbitos subsidiarios, como poden ser institutos de investigación ou universidades; e unha última categoría que agrupa a persoas desempregadas e a quen en 2007 ou 2013 exercían como profesionais nun eido diferente á educación ambiental.

Os investigadores apreciaron alteracións substanciais na estrutura ocupacional ao comparar a situación en 2007 coa de 2013. O primeiro que destaca, segundo os autores, é a perda de activos en todos os sectores, sendo o terceiro sector o que experimenta maior erosión, perdendo máis da metade dos activos humanos. Segundo os datos obtidos, este sector absorbía en 2007 o 19,8% dos profesionais en educación ambienta, mais en 2013 só eran o 7,9%.

Con respecto ao período considerado, o sector máis estable, cun menor transvasamento de activos, é o das administracións públicas, onde sete de cada dez profesionais ocupados nel en 2007 continúaban en 2013. "Este mellor comportamento pode atribuírse a que os recortes nos orzamentos públicos impactaron máis tarde no persoal ligado ás administracións que noutros colectivos, afectando primeiro e con máis intensidade aos profesionais contratados en empresas privadas ou no terceiro sector, cuxo financiamento dependía en gran medida de fontes públicas", apuntan os autores.

Así, o sector privado é o que máis transvasamentos rexistrou nese período e o que "sofre unha retracción máis aguda": o 43,2% dos ocupados en 2007 neste sector estaban no paro en 2013 ou traballan en ámbitos alleos á educación ambiental. "Se este transvasamento non se traduce nunha perda de peso proporcional deste sector en relación ao conxunto do eido (do 36,6% en 2007 ao 28,7% en 2013) débese a que o 35% dos ocupados no terceiro sector en 2007 se pasaron en 2013 ao ámbito da empresa privada", matizan os investigadores.

Atendendo á evolución da tipoloxía de accións de educación ambiental que desenvolven estes profesionais, "a lectura comparada entre 2007 e 2013 ofrece un panorama desolador", comentan os investigadores da USC. Así, houbo unha diminución apreciable en todas as actividades contempladas, producíndose as maiores caídas na xestión de equipamentos (-41,5%) e en actuacións ligadas a espazos naturais (-35,4%), mentres que as menores caídas se rexistran nas actividades de promoción da participación (-5,5%) e a realización de itinerarios (-9,5%).

"En todo caso, as actividades menos castigadas son as que menor peso tiñan no conxunto de tarefas realizadas polos profesionais da mostra", detallan os investigadores.

Do resto, destacan que son as actividades relacionadas co turismo (-17,9%) e o lecer (-20,8%) as que mellor resisten o embate da crise. "Este mellor comportamento pódese atribuír a que son actividades ligadas a eidos fronteirizos á educación ambiental, converténdose en refuxios ante a dificultade para manter ocupacións cun perfil educador máis definido", argúen.

PRECARIEDADE LABORAL E PARO

A análise da situación contractual destes profesionais desvelou a súa "tradicional precariedade" e "os danos que está a producir a crise en Galicia". As tipoloxías contractuais asociadas con condicións laborais de maior calidade e estabilidade (laboral indefinido, a tempo completo, a tempo parcial, de duración indeterminada) só suman o 51% da mostra en 2007, minguando ao 38% en 2013. Mentres que as persoas que se declaran traballadoras autónomas duplican a súa presenza no conxunto da mostra: do 9% en 2007 ao 17% en 2013. "Este dato trasluce os cambios que a crise impón na estrutura do mercado laboral, en xeral, e no da educación ambiental, en particular. O incremento de profesionais que se declaran autónomos faise en detrimento de figuras contractuais máis estables, indicio dunha maior precarización que agrava un déficit do sector previo á crise", explican os autores do estudo. 

Pero o dato "máis preocupante" para os investigadores é o da evolución do desemprego, que alcanzou en 2013 ao 30% do colectivo, mentres que en 2007 era do 5,7%. Unha  cifra que é superior á taxa de paro xeral española no primeiro trimestre de 2013, do 27,16%, e moi superior á galega, o 22,35% no mesmo trimestre, como se apunta no estudo.

"É dicir, non só se multiplicou por seis a taxa de paro entre os traballadores da educación ambiental, senón que tamén pasou de estar por baixo das taxas de paro galega e española (8,6% e 7,6%, respectivamente, en 2007), a superalas claramente. Este dato é un poderoso indicador de que a crise afectou de maneira máis aguda a este eido profesional ca outros", sentenzan os investigadores.

A lectura dos datos permitiu aos investigadores extraer tres conclusións importantes en relación ao salario. 1) Resulta evidente que as condicións salariais dos profesionais da eduación ambiental en Galicia empeoraron no período considerado. 2) Tanto en 2007 como en 2013, pero de maneira máis acusada en 2013, os niveis salariais non se corresponden nin co nivel formativo nin coas responsabilidades que se asumen. 3) Apréciase unha crecente polarización nas franxas salariais, cunha maioría que percibe salarios mesmo por baixo do mínimo interprofesional (en 2013, o 35% afirma cobrar menos de 900 euros mensuais e o 25% menos de 600 euros) e unha minoría que goza salarios relativamente altos para o baixo promedio do sector: só o 12% da mostra percibe máis de 1.500 euros mensuais en 2013, igual que en 2007.

DIFERENZAS DE XÉNERO

Tamén consideran "preocupante" a lectura en clave de xénero, xa que se aprezan "diferenzas significativas" entre a taxa de paro feminina e masculina: en 2013 a taxa de desemprego entre mulleres no sector alcanzou o 37,7%, triplicando a masculina (12,5%), mentres en 2007 a diferenza era menor: o 5,8% en mulleres e o 3,1% en homes.

A evolución salarial amplía, segundo estes autores, a visión da situación socio-profesional no marco da crise, pois se a moda de ingresos se situaba en 2007 nas franxas de 901 a 1.200 euros a e de 1.501 a 1.800, en 2013 rebáixase para situarse entre os 301 e os 600 euros mensuais. Ademais, atendendo á variable de xénero, mentres a metade dos homes (48,8% en 2007 e 44,7% en 2013) cobran máis de 1.500 euros mensuais, practicamente a metade das mulleres (48,4% en 2007 e 44,9% en 2013) perciben menos de 1.000 euros. "Esta asimetría contrasta co feito de que non se detectan diferenzas significativas no nivel de cualificación en relación ao xénero", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta