Por unha política galega de infraestruturas

Existe algo merecente de tal nome? Existe unha política de infraestruturas pensada para maximizar as nosas posibilidades competitivas?, pensouse algunha vez na eficiencia destas infraestruturas en función das necesidades da cidadanía e as empresas galegas?...

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 24/02/2010

Comparte esta noticia

Eu creo que non, e o que é máis grave non escoito a ningún dos tres partidos institucionalizados en Galicia debater en relación a este tema doutra cousa que non sexa prazos, ninguén cuestiona que o que se fai é realmente o que se debería facer e na orde de prioridades que efectivamente se executa, o debate fica exclusivamente restrito aos prazos de execución e de finalización obviando o que debería ser o crucial asunto do desenvolvemento dunha política galega de infraestruturas que mereza tal nome.

Todo o que se fai en Galicia no campo das infraestruturas é unha excrecencia ou derivación dunha política de infraestruturas, a  que eu me atrevo a definir como madrileñocentrista, a concepción radial das comunicacións en España orixinada no reinado de Carlos III continua plenamente vixente, o obxectivo era e continua claramente a ser, comunicar o mellor posible a Madrid, no caso das estradas o obxectivo era hai trinta anos comunicar por autovia Madrid coas principais cidades e ademáis facelo sen peaxes, partindo dese obxectivo foise completando esa estrutura radial, as autovias que comunican Madrid con Vigo e A Coruña non son máis que a consecuencia en Galicia desa política centralista de infraestruturas, sen embargo, o debate durante os anos da sua realización xiraba exclusivamente entorno á data da sua finalización, non á que fosen ou non a primeira prioridade insatisfeita de Galicia, non recordo que ninguén fixese notar que había máis tránsito a través da Ponte dos Santos que nos comunica con Asturias en Ribadeo que no Padornelo ou en Pedrafita, por suposto tampouco recordo que ninguén dixese que a autovia polo Cantábrico puidese ser a prioridade para Galicia, non lembro que ninguén dixese que a comunicación de Galicia co Cantábrico e un acceso o máis directo posible por estrada aos mercados da Unión Europea e non a un oasis demográfico de cinco, agora seis millóns de habitantes situado a seiscentos quilómetros fose a prioridade.

As vias de alta capacidade en España que non van a Madrid sempre saen penalizadas, ou ben en prazo, sempre se fan despois de que estén rematadas as de Madrid, ou ben con peaxes, como é o caso da AP9, arteria que vertebra o Eixo Atlántico Galego (EAG), non é necesario dicir que esta política pública compartida, ideada e executada por PP e PSOE penaliza o noso desenvolvemente e o noso potencial económico, máxime tendo en conta a nosa situación periférica en relación aos principais mercados europeos, Cataluña ou o Pais Basco están xa ubicadas na saida a Franza polo que esta política non os penaliza, para ir de Andalucia a Franza, Madrid queda no medio, pero de Galicia a Franza, Madrid non queda de camiño, sendo nós desta maneira os principais penalizados por esta política que nunca escoitei criticar a ninguén do BNG e o resultado é que ainda hoxe, no 2010 non estamos comunicados por autovia polo Cantábrico cos mercados europeos.

As autovias que comunican Madrid con Galicia acabaronse no 2003, dez anos despois da data inicialmente comprometida, despois de completadas as estradas tocaba o ferrocaril, que naturalmente respondía á mesma concepción centralista das comunicacións no estado, e nesas estamos, a primeira data de finalización da que se falou foi o 2012, os sucesivos responsables do ministerio de Fomento vannos ir mentindo a pequenas doses sobre os prazos, cando recoñezan que esa data non é alcanzable aumentarán un par de anos de cada vez, para que o sapo da sua mentira sexa máis fácil de dixerir, agora xa nos falan do 2015 como ano de finalización para o Tren de Alta Velocidade (TAV), eu atrevome a aventurar que estará rematado aproximadamente dez anos despois da primeira data, ou sexa no 2022, pero antes diran que o 2015 non pode ser, que será o 2017, despois o 2019 e despois a verdade, adiviñan de onde ven o TAV?, e adiviñan onde se comezou, como todas as demais infraestruturas? atinaron, ven de Madrid e comezouse en Madrid. Os analistas que valoran o boom económico de Madrid nos últimos anos non soen mencionar a trampa que subxace, o seu motor ten queroseno e o dos demais gasoleo B, Barajas representa o 12% do PIB da comunidade de Madrid e isto lévame aos aeroportos galegos, a aonde podemos ir desde os aeroportos galegos?, adiviñaron outra vez, a Madrid, iso non seria malo se ademáis nos permitisen ir a moitos máis sitios, pero isto non é así, o 80% dos voos teñen como destino Barajas, un anuncio do aeroporto do Porto que está na entrada de Peinador é moi explícito “no vuele usted como los conejos”.

Mesmo en políticas de infraestruturas onde o centralismo non nos afecta grazas a que Madrid non ten mar e resulta imposible favorecelo, como son as infraestruturas portuarias estamos metendo millóns de euros a camións (o dobre que na vilipendiada cidade da cultura) nun porto exterior en Arteixo cando xa estaba previamente aprobado e en construción un a trece quilometros en liña dereita en Ferrol, da a sensación de que son infraestruturas redundantes o que resulta gravísimo cando estamos a falar de diñeiro que o estado tira aos cidadáns a través dos impostos. No mar non somos periferia, somos centro xa que a maior via comercial marítima do mundo pasa por diante das nosas costas sen embargo ainda non fomos quen de aproveitalo en todas as suas posibilidades, isto creo que é debido á carencia de infraestruturas de tipo intermodal, nomeadamente ferroviario,  que permitan alcanzar os mercados a baixo custo desde os portos galegos, precisamos un tren de mercadorias, non tanto de pasaxeiros xa que a distancia fai preferible o avión, que nos una á Europa central.

Ao final encontramonos que estamos extraordinariamente ben comunicados por terra e aire cun sitio do mundo que está a seiscentos quilómetros no medio dun deserto demográfico como é a meseta e moi mal comunicados praticamente co resto do mundo, e isto é sinxelamente insostible desde a óptica do interese dos nosos cidadáns e empresas nun mundo globalizado como o que afortunadamente nos toca vivir, cando esté rematado o Tren de Alta Velocidade, para que van servir os tres aeroportiños que só nos levan a Madrid?, para continuar indo a Madrid para coller alí outro avión e seguir contribuindo ao PIB de Madrid ainda que isto diminua o potencial do PIB de Galicia?. Este plantexamento completamente trasnoitado e gravemente lesivo para os nosos intereses é o que fai que teñamos tres aeroportiños tan pequenos que na prática obrigan a usar un Hub ou nodo que é Barajas, o norte de España, non só Galicia, é a zona do mundo con máis densidade de aeroportos, é a posta en prática do divide e vencerás coa inestimable axuda dos localistas de PP, PSOE e BNG.

Como alternativa ao madrileñocentrismo infraestrutural proporía a creación dunha rede ferroviaria interna galega entre as sete cidades e un aeroporto central (Lavacolla), algo que non contempla o actual proxecto de TAV,  ao que se poda acceder nun máximo de 45 minutos (20 desde A Coruña e 30 desde Vigo) desde o centro das sete cidades, conseguindo desta maneira e por economias de escala ter un aeroporto internacional digno, ao nivel do Sa Carneiro que non é o que interesa aos centralistas-localistas de PP e PSOE, pero si ao interese de cidadáns e empresas de Vigo, da Coruña e de toda Galicia.

É dificilmente discutible que precisamos para axudarnos a progresar máis e para paliar a nosa perifericidade en relación a Europa central unhas boas conexións aereas directas coas principais cidades de España, de Europa e de América e isto só é factible sumando todos os viaxeiros nun só punto de partida en Galicia ben comunicado, as comunicacións con Madrid, que tamén son necesarias para Galicia ainda que non con carácter de exclusividade, quedan sobradamente cubertas co TAV en construción e as autovias en funcionamento, ademáis como todos somos España deberíamos pedir que ese aeroporto central galego fose priorizado como Hub ou nodo non só de Galicia para os voos transatlánticos, xa que nos estamos máis perto de Nova York ou de Rio de Janeiro.

Nas comunicacións por terra co exterior pareceme importante a conexión ferroviaria que da continuidade ao Eixo Atlántico Galego (EAG) en Portugal e que si terá parada no aeroporto do Porto, non debemos esquecer que o eixo atlántico portugués desde Valença (que terá estación do TAV) atá Lisboa é o continuum económico e demográfico próximo natural de Galicia ao encontrarnos con zonas moi despoboadas dos dous lados nos nosos límites con Asturias e especialmente con Castela-León, as autoridades centralistas de Madrid e Lisboa priorizan, sen embargo, unha liña máis cara, longa e de dubidosa rentabilidade comparativa como a Madrid-Lisboa . O ferrocarril deberia ser estratéxico nunha política galega de infraestruturas polo que isto contribuiria a diminuir a nosa dependencia dos combustibles fósiles e a diminuir o impacto medioambiental, sen esquecer que somos unha potencia mundial en enerxías renovables, xeramos a electricidade necesaria para o tren e este non é un asunto menor na sustentabilidade dun determinado sistema de transportes. Tamén é dificil entender como a estas alturas A Coruña e Vigo non teñen unha rede ferroviaria de cercanías.

Para rematar unha mención a unha infraestrutura tan ou, mesmo, máis importante que as físicas, a de telecomunicacións, en internet non hai periferia e debe ser a aposta na que volquemos todos os recursos necesarios, a boa política de investimento consiste en, seguindo criterios de eficiencia, tratar de maximizar o potencial positivo e de minimizar as carencias ou limitacións dun territorio co fin de mellorar a sua competitividade internacional e polo tanto aumentar as posibilidades de éxito e ben estar dos seus cidadáns pero os nosos gobernantes están pensando noutras cousas, non é por falta de diñeiro é porque quen decide fixa outras prioridades en función dos intereses doutros beneficiarios, pero unha vez que o sabemos a solución é fácil e pasa pola articulación de alternativas políticas para que o noso capital democrático non sexa investido na carteira doutros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Vázquez Padín Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com