Cultura actúa para evitar o deterioración do castro de Viladonga, rodeado por eucaliptos

Este BIC, un dos máis importantes de Galicia, precisa dunha intervención urxente no seu entorno para evitar o derrube dalgunhas das súas estruturas.

Por E.P. | LUGO | 11/04/2017 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura licitou traballos de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, situado en Castro de Rei (Lugo), ao que destinará un investimento estimado en 100.000 euros. A intervención, que recolle este martes o Diario Oficial de Galicia, conta con fondos procedentes do programa operativo Feder e conta cun prazo máximo de execución de oito meses.

O castro de Viladonga, en Lugo, rodeado por eucaliptos
O castro de Viladonga, en Lugo, rodeado por eucaliptos | Fonte: www.historiadegalicia.gal

Unha intervención que chega logo de que teña concluída outra recentemente na que se puxo de manifesto a "deterioración dalgunhas das estruturas castrexas". De feito, a web Historia de Galicia, alertaba hai uns días da situación deste ben arqueolóxico, moi afectado pola presenza en todo o seu entorno de eucaliptos. Por iso,  desde Cultura estimouse a necesidade de levar a cabo un proxecto de conservación preventiva para corrixir esta situación e evitar a destrución das construcións postas ao descuberto en anteriores campañas arqueolóxicas.

En concreto, os traballos a realizar para a campaña 2017/18 serán de roza e limpeza manual e mecánica, revisión da documentación bibliográfica e documental das antigas campañas de escavación, actualización da rede de bases topográficas existentes no castro, limpeza e consolidación dos muros, pavimentos e outras estruturas, acondicionamento destas áreas, e realización dunha fotogrametría dixital da área de intervención, entre outros.

O Castro de Viladonga é propiedade da Xunta de Galicia e está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) na súa categoría de Monumento. Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos "máis singulares" de Galicia, un dos máis coñecidos polo público e tamén un dos que recibe maior número de visitas durante o ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta