Xunta e Estado blindan o Camiño de Santiago por Semana Santa

Ponse en marcha un dispositivo especial de seguridade para protexer os peregrinos e o patrimonio, pero tamén para controlar negocios ilegais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/04/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e o Goberno central blindarán o Camiño de Santiago durante esta Semana Santa para garantir a seguridade dos peregrinos e do patrimonio. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe en Portomarín (Lugo) o dispositivo especial de seguridade no Camiño para a Semana Santa. Este reforzo inscríbese no marco do convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio do Interior e Turismo de Galicia, no que se inclúe tamén outro operativo especial para o verán.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentan o operativo especial de seguridade no Camiño de Santiago para a Semana Santa
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentan o operativo especial de seguridade no Camiño de Santiago para a Semana Santa | Fonte: Xunta.

A Policía Autonómica ten despregado un total de 16 patrullas ao longo de seis rutas (Camiño Francés, Portugués, Inglés, Fisterra-Muxía, Norte e Primitivo, e Vía da Prata). O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais. Este reforzo complementa o labor de protección que a Policía Autonómica desenvolve no Camiño ao longo de todo o ano (en 2016 realizáronse máis de 800 dispositivos relacionados con esta materia, con máis de 150 denuncias).

Pola súa banda, a Delegación de Goberno reforza o seu operativo de seguridade con motoristas da Guardia Civil de Tráfico, do Seprona, cinco cabalos do escuadrón de cabalería da Guardia Civil, e un xendarme francés que realizará patrullas mixtas e labores de seguridade cidadá.

Ademais, e tamén no marco do convenio entre Interior e a Axencia de Turismo, repartirase un ano máis material reflector aos peregrinos, como medida de prevención e concienciación. Este material estará dispoñible nos albergues de inicio de Camiño no Cebreiro, A Gudiña, Verín, Tui, Ribadeo, Padrón, A Fonsagrada e Sarria.

Esta iniciativa, que se basea na colaboración entre administracións para sumar medios e ser máis eficaces, ten como principal obxectivo garantir a seguridade de todos os peregrinos. Ao respecto, cómpre lembrar que o ano 2016 rematou cunha afluencia histórica de peregrinos, cun total de 277.854, un dato superior ao rexistrado no último Xacobeo de 2010.

MÁIS PEREGRINOS

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, avanzou que a Xunta ten "moi boas expectativas" en xeral en conta ao incremento de viaxeiros en Semana Santa, e concretou que no Camiño os peregrinos que cheguen a Santiago poderían subir "entre o catro e cinco por cento".

Castro asegurou que, do mesmo xeito que nos últimos anos, tamén en 2017 producirase un incremento dos peregrinos que fan o Camiño e que chegan á capital galega en Semana Santa.

Con todo, nun acto con alcaldes de concellos do Camiño Francés, Castro subliñou que ao Executivo autonómico non só lle preocupan as cifras cuantitativas, senón tamén a perspectiva "cualitativa".

A modo de exemplo, a directora de Turismo de Galicia aludiu ao convenio de colaboración subscrito este martes con alcaldes dos concellos do Camiño Francés.

Cunha dotación dun millón de euros, ese convenio ten un carácter plurianual --2017-2018-2019-- e aspira a manter o Camiño Francés "en condicións óptimas", dotando de "valor e calidade" á peregrinación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta