Para requeixo e mel, As Neves

O concello pontevedrés presenta unha programación gastronómica e festiva na que o requeixo e o mel son os protagonistas.

Por GC Tendencias | As Neves | 12/04/2017 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

Como é tradición nesta vila do Condado, o Venres Santo tínguese de branco coa Feira do Requeixo e do Mel, celebración que chega este ano á XXVI edición e que goza do recoñecemento de “Festa de Interese Turístico de Galicia”. A apertura da feira correrá a cargo do grupo de música e baile tradicional “A Barca de Loimil”, o coñecido Chef galego Pepe Solla de Casa Solla (Estrela Michelín) será o pregoeiro ás 12.00 h, e despois haberá degustación de requeixo e mel entre os asistentes. Xa pola tarde actividades para os máis pequenos e animación musical do grupo tradicional Ronco & Fol.

Pepe Solla
Pepe Solla

Pero nos días previos, do 5 ao 8 organizáronse obradoiros de cociña para maiores e cativos e para o xoves 13 están programadas outras actividades divulgativas como unha interesante andaina para coñecer as orixes do requeixo e do mel tan saborosos que elaboran no lugar de Cerdeira ou culturais como o concerto de Malvela no Auditorio Municipal.

O requeixo e o mel

O requeixo é un queixo fresco elaborado con leite enteiro de vaca, sen engadido de sal e que habitualmente se consumía como sobremesa, adozándoo con mel ou azucre. Tradicionalmente a produción do requeixo era doméstica, ben para uso propio ou para vender nos mercados ou feiras.

Aínda que o seu uso tradicional fose como sobremesa, hoxe en día ten múltiples usos en pratos salgados substituíndo con vantaxe a calquera outro queixo fresco tanto en cru como cociñado o que lle outorga gran atractivo para o uso aplicado á gastronomía creativa actual.

Promoción da Feira en Allariz
Promoción da Feira en Allariz

Para a súa elaboración emprégase só leite de vaca producida en Galicia e fermentos lácticos, sen ningún tipo de conservantes nin estabilizantes. A ausencia total de sal faino moi recomendable para seguir dietas que desaconsellen este condimento.

O requeixo das Neves preséntase en pequenas bólas duns 80 gramos e tradicionalmente envolvíanse nunha folla de verza. Agora emprégase o filme alimentario.

O mel é tamén un dos produtos tradicionais da zona do Condado e Paradanta que conta cunhas condicións excepcionais para a súa produción dada a gran cantidade e variedade de plantas especialmente indicadas para obter un mel de alta calidade: uces, eucaliptos, castiñeiros, silveiras. A produción, tradicionalmente destinada ao autoconsumo, está agora encamiñada á comercialización sen perder por iso a súa calidade e a súa condición de natural ao non levar ningún tipo de tratamento nin conservantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mirita

Ummmmmm