Buscan que a música volva ser o motor cultural na capital galega

Case 200 accións musicais se inscribiron no censo “Compostela é Música”, que busca activar o panorama musical desta cidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/04/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Co desexo e obxectivo de visibilizar e dar a coñecer de maneira oficial o talento dos proxectos musicais activos profesionais en Santiago de Compostela, nacía hai uns meses o proxecto “Compostela é Música”, creado e impulsado por Músicos ao Vivo Sección Compostela e co apoio do Concello de Santiago de Compostela. 

Gin Ga en concerto
Gin Ga en concerto

Tentábase crear e establecer, desta maneira, unha sinerxía positiva e dinámica entre estas dúas entidades, favorecendo e mellorando así o consumo de música de proximidade na cidade e a promoción exterior do seu talento.

Tras rematar o prazo de inscrición, finalmente, sumáronse 196 proxectos entre todas as categorías, repartidos entre o máis amplo abano de xéneros musicais, desde o blues, pop, funk, soul, rock, canción de autor, ata infantil, coros, orquestras, folk e tradicional, clásica, electrónica ou músicas do mundo. Con este resultado, segundo os seus impulsores, os próximos pasos son iniciar e retomar contactos nas vindeiras semanas con axentes promotores públicos e privados da cidade e concellos limítrofes para que Compostela é Música sexa un censo vivo, referente para os escenarios da cidade e da contorna, e axudar tamén a visibilizar cara o exterior todo este talento local. 

Esta lista de proxectos made in Santiago pretende cartografar toda a escena musical compostelán. A partir de agora, utilizarase como fonte de programación cultural en Compostela, tanto nas canles habituais como en novas iniciativas que exploren a descentralización cultural e a busca de novos usos, públicos e espazos. 

Este catálogo pretende ser así ser unha ponte de comunicación directa entre axentes do sector musical, polo que será totalmente dispoñible para o seu uso entre outros programadores culturais públicos e privados da cidade e de calquera outro interesado en contratar ou promocionar o talento residente en Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta