O Uni Ferrol fai historia

O Star Center ferrolán, cun parcial de 25-12 no último cuarto, vence 59-56 a IDK Gipuzkoa no desempate da eliminatoria e clasifícase por primeira vez na súa historia para as semifinais do play-off polo título. O venres, contra Perfumerías Avenida.

Por gcdeportes | Ferrol | 12/04/2017 | Actualizada ás 22:47

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Star Center-Uni Ferrol 59:
Ana Suárez (10), Ani Calvo (9), Shacobia Barbee (17), María Araújo (6), Bea Sánchez (7) –cinco inicial- Patri Cabrera (3) e Laquinta Jefferson (7).
IDK Gipuzkoa 56: Lara González (3), Onintza Aduriz (9), Gabi Ocete (7), Bulgak (20), Nadia Colhado (12) –cinco inicial- Khairy Sarr (3) e Sara Iparraguire (2).
Parciais: 14-16, 11-11 (25-27), 9-17, 25-12 (59-56).

As ferrolás celebran coa afección o pase a semifinais.
As ferrolás celebran coa afección o pase a semifinais. | Fonte: @UniFerrol

O Star Center-Uni Ferrol segue a facer historia. Cun parcial de 25-12 no último cuarto, as ferrolás impuxéronse 59-56 a IDK Gipuzkoa no partido decisivo dos cuartos de final e clasificáronse por primeira vez na súa historia para as semifinais, nas que se enfrontarán a Perfumerías Avenida, primeiro na Liga regular. Sen tempo para descansar, o primeiro partido será xa este venres ás 21.00 horas en Salamanca. Colofón perfecto a unha campaña espectacular das de Lino López, entre os catro mellores equipos de España.

Sempre a remolque no marcador, tivo que sufrir o Uni Ferrol, que non foi o de sempre ata o último cuarto. Nos tres primeiros asaltos, as ferrolás semellaron acusar os nervios e non estiveron cómodas sobre a pista, e as guipuscoanas impuxeron o ritmo de partido coa súa superioridade no xogo interior (32 puntos entre Bulgak e Nadia Colhado). Tralo 25-27 do descanso, Uni Ferrol tivo dificultades para anotar (9 puntos en 10 minutos) e IDK Gipuzkoa acadou a máxima diferenza do encontro ao remate do terceiro cuarto, con 34-44 no marcador.

Pero as de Lino López reaccionaron cun parcial de 9-0 no arrinque do último acto, e puxéronse por diante por primeira vez no choque a pouco máis de catro minutos cunha canastra de Shacobia Barbee (47-46). Laquinta Jefferson anotou unha tripla dende case oito metros no último segundo da posesión (50-48) e Ana Suárez un 2+1 para poñer o 53-50. Bulgak volveu poñer por diante a IDK Guipuzkoa cunha tripla e un tiro libre (53-54), pero as ferrolás (Jefferson, Ana Suárez e Bea Sánchez) anotaron seis tiros libres finais sen erro. Entremedias, os árbitros non viron unha falta clara sobre Bulgak con 55-54.

Ao final, 59-56 e Esteiro, ateigado de seareiros dende unha hora antes do comezo, celebrou con xogadoras e corpo técnico unha clasificación histórica. "Non hai palabras. É algo máis que histórico, máis que un soño", dicía Lino López mentres o presidente, Leopoldo Ibáñez, case non podía termar das bágoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta