Leyma está xa nos play-offs

O Básquet Coruña vence 89-76 a TAU Castelló e certifica a súa clasificación para as eliminatorias polo ascenso tras sumar a 19ª vitoria. Espectaculares Filip Djuran, con 8/11 triplas, e Kyle Rowley, con 19 puntos e 11 rebotes. Ourense caeu 68-76 con Palencia no Paco Paz.

Por gcdeportes | A Coruña | 13/04/2017 | Actualizada ás 00:22

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Básquet Coruña 89:
Zach Monaghan (11), Ángel Hernández (2), Filip Djuran (26), Zyle (11), Kyle Rowley (19) –cinco inicial- Sabonis (7), Justin Johnson (6), Joan Creus (3), Sergio Olmos (4), Javi Lucas (0) e Mikulic (0).
TAU Castelló 76:
Joan Faner (8), Edu Durán (16), Juan Cabot (5), Fede Ucles (6), Busma (11) –cinco inicial- Kyle Cooper (12), Sergio Rodríguez (6), Chema García (8), Nguirane (2) e Álex Herrera (2).
Parciais: 24-15, 22-24 (46-39), 25-21, 18-16 (89-76).
Árbitros: Juan Manuel Uruñuela e Asier Quintás Álvarez. Sen eliminados.

A 19ª vitoria e clasificado un ano máis para o play-off de ascenso, a falla de dúas xornadas de Liga. Agás os primeiros cinco minutos, dominou sempre o Leyma, que chegou a ter 19 puntos de vantaxe no terceiro cuarto (71-52). Pero aí desconectou, encaixou un parcial de 0-16 e tivo Tito Díaz que parar o choque para reconducir a situación. Dúas triplas máis de Filip Djuran (acabou con 8/11) e 7 puntos de Kyle Rowley, un coloso baixo aros, e Básquet Coruña impuxo a súa superioridade por 89-76. Gipuzkoa e Melilla serán os dous últimos rivais na procura do mellor posto para as eliminatorias de ascenso.

Con triplas de Edu Durán e Fede Ucles, adiantouse TAU Castelló (6-10), pero respostou Leyma cun parcial de 10-0 trala primeira tripla de Djuran (16-10). A segunda tripla do serbio, outra de Monaghan para pechar o cuarto e 24-15. A terceira bomba de Djuran e Leyma xa gañaba de dez (29-18), pero Busma e Cooper mantiñan os castellonencos no partido (33-28). Creus e Johnson anotaron tamén de 6,75 e Básquet Coruña chegou 46-39 ao descanso.

Kyle Rowley, autor de 19 puntos e 11 rebotes, defendido por Busma.
Kyle Rowley, autor de 19 puntos e 11 rebotes, defendido por Busma. | Fonte: @basquetcoruna

Saíron enchufados os de Tito Díaz, e cun parcial de 9-0 puxeron a vantaxe en 55-39. Zyle e Rowley anotaban na pintura, e Djuran sumou dúas triplas máis para acadar a máxima diferenza: 71-52. Relaxouse entón Leyma e TAU Castelló rematou o cuarto cun parcial de 0-8 tras triplas de Sergio Rodríguez e Edu Durán (71-60).

No arrinque do último acto, outro 0-8 para sumar un parcial de 0-16 e Tito Díaz que para o partido con 71-68. Ao Leyma custoulle, pero foi Djuran quen rachou a mañl xeira coa sétima tripla (74-68). Rowley limpaba todos os balóns no aro rival e Djuran sumaba outra tripla e Leyma tiña a vitoria no peto (86-73). Sabonis pechou o partido con outra tripla: 89-76.

Ficha técnica
Ourense Provincia Termal 68:
Christian Díaz (9), Mitrovic (15), Zarko Jukic (6), Dmitry Flis (4), Fran Guerra (6) –cinco inicial- Kyle Hittle (3), Devin Wright (10), Kapelan (11), Tomás Fernández (2) e Martín Rodríguez (2).
Quesos Cerrato Palencia 76: Dani Rodríguez (8), Romas Bas (11), Jhornan Zamora (5), Maldunas (12) e Barnes (11) –cinco inicial- Samb (19), Josep Pérez (4), Marc Blanch (6) e Joan Tomas (0).
Parciais: 22-27, 19-12 (41-39), 12-15, 15-22 (68-76).

Chegou o COB con opcións aos últimos tres minutos (64-66), pero Marc Blanch anotou dúas triplas e Kapelan e Christian Díaz erraron nas súas. Ao final, 68-76, cun Ourense Provincia Termal que non puido sorprender a Palencia, un dos candidatos ao ascenso, e deberá agardar unha semana máis para certificar a súa presenza nos play-offs de ascenso.

O partido estivo condicionado polo desagradable incidente protagonizado no terceiro cuarto por Fran Guerra, que empurrou o técnico Gonzalo García de Vitoria cando este lle esixía máis intensidade, e tivo que intervir o banco ourensán. O pivote canario xa non volveu á pista, e Devin Wright converteuse no MVP dos ourensáns con 10 puntos e 12 rebotes.

O COB queda con 18 vitorias, dúas máis que Lleida (16), vindeiro rival e que aínda ten que xogar esta finde semana na pista do Barça B. Se gañan os ilerdenses, Ourense terá que gañar na súa visita a Barris Nord para non depender da última xornada, na que recibe o Cafés Candelas Breogán no Pazo Paco Paz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta