O Peixe consuma o descenso

O Marín Peixe Galego perde 76-84 na Raña con CB Prat e certifica o descenso á LEB Prata a falla de dúas xornadas de Liga e un ano despois do seu ascenso á segunda categoría do básquet español. O equipo marinense suma tan só 7 triunfos en 32 xornadas.

Por gcdeportes | Marín | 16/04/2017 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Non puido manter unha semana máis o soño da permanencia na LEB Ouro. Despois dunha campaña chea de problemas (limitacións económicas, troco de xogadores, múltiples lesións…), o Marín Peixe Galego consumou o seu descenso á LEB Prata, a falla de dúas xornadas de Liga, tras perder 76-86 con CB Prat na Raña.

Javi Llorente, técnico peixe, dá instrucións dende o banco. / Diego Torrado / pontevedraviva.com
Javi Llorente, técnico peixe, dá instrucións dende o banco. / Diego Torrado / pontevedraviva.com

Agás no primeiro cuarto (24-20), o Peixe Galego foi sempre a remolque no marcador. Ao descanso, 38-42 tras un parcial de 14-22 para os cataláns no segundo asalto. Tras rematar 57-63 o terceiro cuarto, o equipo de Javi Llorente chegou a poñerse 69-71 a falla de catro minutos, pero encaixou un parcial de 5-13 e acabou perdendo 76-84.

Como case toda a tempada, os problemas no rebote (Marín é o peor equipo da Liga) e o pouco acerto nas triplas (5/23, con 1/9 para Gabe Rogers) lastraron o equipo marinense, que sumou ante CB Prat a 25ª derrota en 32 xornadas, por tan só 7 vitorias. Magia Huesca suma 10 cun partido menos, e xa é inalcanzable para Marín Peixe Galego.

Marín visitará a vindeira semana a TAU Castelló e recibirá na última xornada a Gipuzkoa, que podería xogarse na Raña o seu ascenso directo á ACB, en disputa co Cafés Candelas Breogán. Será un día para festexar coa afección un curso no que Marín loitou na segunda categoría do básquet español.


Ficha técnica
Marín Peixe Galego 76:
Jorge Romero (4), Gabe Rogers (7), Tim Derksen (18), Javi Múgica (10), Jason Cain (14) –cinco inicial- Andrés Miso (13), Manu Ferreiro (0), Albert Homs (0), Emilio Oubiña (3), Marc Bauzá (7) e Goyo Adón (0).
CB Prat 84: Xavi Forcada (14), Xabi López-Arostegui (15), Marc Sesé (8), Bieshaar (4), Gerbert Martí (10) –cinco inicial- Óscar Amo (4), Álex Ros (14), Pep Ortega (11), Nikolic (4), Sergi Costa (0) e Xavi Moix (0).
Parciais: 24-20, 14-22 (38-42), 19-21, 19-21 (76-84).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta