O Lugo medra á conta do Oviedo

Dous goles de Joselu dan os tres puntos ao equipo lucense, que suma 48 e achégase a catro dos postos de promoción de ascenso e a seis do terceiro posto. Terceira vitoria consecutiva no Anxo Carro dos de Luis César, que visitarán Vallecas a vindeira fin de semana.

Por gcdeportes | Lugo | 16/04/2017 | Actualizada ás 22:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 2:
Roberto; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Djaló, Manu; Seoane, Sergio Gil (Carlos Pita, 38'); Damià Sabater (Iriome, 70'), Campillo, Fede Vico (Pablo Caballero, 85') e Joselu.
Real Oviedo 1: Juan Carlos; José Manuel Fernández, Héctor Verdés, David Costas, Varela (David Fernández, 22'); Borja Domínguez (Michu, 64'), Erice; Susaeta, Torró, Saúl Berjón (Nando, 64) e Toché.
Goles: 0-1: Toché (minuto 7). 1-1: Joselu (41'). 2-1: Joselu (60').
Árbitro: Gorestegui Fernández-Ortega (vasco). Amarelas a Joselu (5') e Manu (82') nos lucenses e a Linares (21', no banco) e Toché (60') no Oviedo.
Incidencias: partido da 34ª xornada de Segunda División no estadio Anxo Carro ante 6.000 espectadores, con máis dun milleiro de ovetenses.

Tres puntos máis que merecidos. O Lugo foi mellor que un pobre Oviedo e remontou o tanto inicial de Toché con dous goles de Joselu (suma 20 xa) para meterse na pelexa polo play-off de ascenso. Coa terceira vitoria consecutiva no Anxo Carro, os de Luis César suman 48 puntos, a catro do equipo ovetense, que marca os postos de promoción de ascenso, e a seis do terceiro posto. Igualdade máxima no alto da táboa para as últimas oito xornadas.

E iso que o Oviedo adiantouse no marcador na súa primeira chegada á área, un balón longo de David Costas, que peitou Saúl Berjón e aproveitou Toché para facer o 0-1. Pero os lucenses non se arredaron e foron con decisión a polo empate. Sergio Gil avisou cun disparo lonxano antes de saír mancado e Joselu desaproveitou un erro ovetense no man a man con Juan Carlos. Tras un disparo de Borja Domínguez que detivo Roberto, chegou o empate en xogada ensaiada: falta que saca Campillo en corto para Fede Vico, centro para Jordi Calavera que coa testa asiste a Joselu, que marca de volea o 1-1.

Aínda que trala reanudación a primeira ocasión foi nun disparo de Erice dende fóra da área que detivo Roberto, o Lugo saiu decidido a polo partido, e fixo méritos dabondo para merecelo. Avisou cun remate de Campillo ao traveseiro no minuto 58 e dous minutos despois, completou a remontada cun disparo cruzado de Joselu, pichichi con 20 goles.

Fernando Hierro, técnico visitante, deu entrada a Michu e Nando para refrescar o equipo, pero o Oviedo limitouse a balóns aéreos sen moito éxito. No Lugo, reapareceu Iriome e Pablo Caballero entrou na recta final. Roberto despexou a córner cos puños unha falta de Susaeta e no lanzamento dende o curruncho, David Fernández, que reclamou penalti, rematou desviado. O Lugo sufriu, máis pola incerteza do marcador, pero acabou sumando tres puntos para mirar de novo cara a arriba. A vindeira semana, visita a Vallecas.

Joselu, abrazado por un compañeiro tralo gol do empate.
Joselu, abrazado por un compañeiro tralo gol do empate. | Fonte: lfp.es

Os lucenses celebran o gol da vitoria fronte ao Oviedo.
Os lucenses celebran o gol da vitoria fronte ao Oviedo. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta