ETA e os relatos

No ano 2011 ETA anunciou o remate unilateral da súa acción violenta.A pesar de que tal decisión non foi acompañada dunha iniciativa específica sobre o seu desarmamento nin concretaba un prazo determinado para a disolución da propia organización, resultaba indiscutíbel que ETA renunciaba á negociación política que sempre esixira como condición indispensábel para non seguir coa súa actividade.Dende esta perspectiva, a organización terrorista recoñecía implicitamente a súa derrota.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/04/2017

Comparte esta noticia
Son varios os factores que explican o desenlace que comezou hai mais de 5 anos.Ademais da forte e continuada presión policial e xudicial desenvolvida polas Administracións española e francesa, ETA padeceu unha notábel perda de apoio naquela parte da sociedade vasca que xustificaba a súa existencia e/ou compartía as reivindicacións fulcrais que tiña formulado nas últimas décadas.A constatación de que non posuía a fortaleza necesaria para provocar un proceso formal de negociación que posibilitase a consecución -sequera parcial- dalgún dos obxectivos prantexados, tivo como consecuencia a aceitación dunha fórmula de retirada unilateral sen contrapartidas políticas.
 
Certamente, ETA demorou moito a toma de conciencia sobre a súa crecente debilidade.Instalada nun universo moi pechado non foi quen de percibir os cambios rexistrados na sociedade vasca.O propio Otegui recoñeceu, recentemente, que a esquerda abertzale ignoraba esa parte decisiva da realidade.Nesa grave eiva talvez influíu a lóxica resistencia na aceitación dun balance moi duro:varias décadas de utilización da violencia cun elevado nivel de dano humano asociado á mesma para non conseguir mais que a consolidación dunha forza política que recibe arredor do 20% dos votos emitidos.A comparanza co sucedido en Catalunya ou mesmo na Galiza resulta significativo:en ambas nacións hai forzas nacionalistas que acadaron igual ou superior influencia electoral sen mediar o fenómeno do emprego sistemático da violencia con obxetivos políticos.E iso sen incorporar unha avaliación ética do que supón practicar a loita armada nun contexto social no que non hai un consenso maioritario sobre a pertinencia de tal uso.
 
Aínda que a disolución formal de ETA fica pendente, será inevitábel nun futuro non moi lonxano.Daquela, seguirá o debate que xa comenzou nestes últimos anos:cal debe ser o relato histórico do sucedido dende os anos 50 do pasado século?É posíbel que exista unha única versión sustentada nun amplo acordo social?
 
Polo momento, non se verifica un acordo unánime na sociedade vasca a respecto desa tráxica vivencia colectiva.Mais alá dos desexos dunhas ou doutras persoas non resultaría realista aspirar a semellante consenso sen agardar que exista unha maior distancia temporal.Polo demais, as pretensións dos sectores vinculados ao PP resultan dunha hipocrisía palmaria:os mesmos que seguen profesando unha visión particular sobre as causas e os efectos da guerra civil, esixen unha coincidencia na análise da xénese e desenvolvemento da violencia etarra.As urxencias que exhiben para este caso, desaparecen cando se trata de avaliar o drama rexistrado nos anos trinta do pasado século.
 
Mirar para o futuro sen esquecer o pasado.Un criterio que resulta mais necesario que nunca para asegurar unha convivencia democrática en Euskadi.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.