Premio Johán Carballeira de Xornalismo para Montse Dopico e María Obelleiro

Para o xurado, as reportaxes premiadas representan o novo xornalismo galego escrito por mulleres e destacan dous ámbitos fundamentais para este galardón: o do xornalismo cultural e o do social.

Por Galicia Confidencial | Bueu | 19/04/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo, promovido polo Concello de Bueu, recae este ano en dúas mulleres galegas, concretamente en Montse Dopico, coa súa reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural”, publicada na revista Luzes, e a de María Obelleiro Hermida, titulada “O apartheid sanitario na Galiza”, que saíu en Sermos. O xurado estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, Montse Fajardo, xornalista e experta nas historias da memoria histórica, e Antón Lopo, gañador da pasada edición.

Reunión do xurado do XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo.
Reunión do xurado do XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo.

De entre os dezanove traballos presentados, dos que se destaca a esencia do xornalismo de Johán Carballeira, o xurado decidiu premiar estes dous, ao ser “modelos de esixencia técnica e de investigación, que son ademais complementarias en dous ámbitos fundamentais para este galardón: o xornalismo cultural e o xornalismo social”. Ademais, o xurado insiste na calidade xeral dos traballos presentados, na súa variedade temática, de estilo e de enfoque que recollen a identidade do premio.

Ambas as dúas xornalistas, serán premiadas cun premio de 750 euros cada unha e serán homenaxeadas nun acto que se organizará na Semana das Letras Galegas.

No que atinxe á modalidade de poesía deste premio, o xurado vaise reunir o próximo 6 de maio ás 10.30 horas e terá que escoller un gañador ou gañadora de entre os corenta e seis poemarios presentados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta