Epílogo a un curso histórico

O Star Centar-Uni Ferrol, que sufriu unha arbitraxe horrorosa, cae nas semifinais do play-off polo título tras perder 39-61 con Perfumerías Avenida no segundo partido en Esteiro. O club avaliará as posibilidades de participar a vindeira campaña por primeira vez en competición europea.

Por gcdeportes | Ferrol | 19/04/2017 | Actualizada ás 08:21

Comparte esta noticia

Malia a derrota, Uni Ferrol pechou o día de festa. Por encher Esteiro, por facer vibrar de novo a Ferrol co básquet e por unha campaña histórica: clasificación para a Copa, cuartas na Liga regular e unhas semifinais polo título ante o actual campión e favorito a revalidar triunfo. Non puido ser e non haberá terceiro partido, Star Center-Uni Ferrol caeu eliminado tras perder 39-61 con Perfumerías Avenida no segundo partido do play-off de semifinais en Esteiro.

Non necesitaba o todopoderoso rival axuda arbitral. Malia a defensa presionante en toda a pista e sempre con contactos do equipo castelán, os árbitros sinalaron só 15 faltas a Perfumerías Avenida. O equipo de Lino López aguantou no partido ata o final do terceiro cuarto, no que Shacobia Barbee recibiu de xeito máis que rigoroso dúas antideportivas e foi expulsada e Lino López unha técnica polas súas protestas. Os colexiados tentaron compensar pitando constantes tres segundos na zona a ausencia de faltas nas visitantes.

Aínda así, como no partido en Salamanca, impúxose a lóxica as de Miguel Ángel Ortega (ex do OAR Ferrol e outros moitos clubs galegos) amosaron a súa superioridade sobre a pista. As ferrolás víronse lastradas outra volta polas perdas de balón (22) e polo pouco acerto (5/20) dende 6,75. Perfumerías Avenida comezou cun parcial de 0-10, pero Uni Ferrol igualou o marcador (12-12) tras un parcial de 12-2. Ortega parou o partido e o seu equipo respostou cun 0-8 para rematar 12-20 o primeiro cuarto. Malia que ás ferrolás lles custaba anotar, o segundo asalto foi o máis igualado (11-12). Avenida chegou a poñerse máis 11, pero a viguesa María Araújo puxo o 23-32 ao descanso, con xa 13 perdas das ferrolás.

Tralo descanso, e axudado polos erros do rival, Uni Ferrol chegou a poñerse a oito tras unha tripla de Laquinta Jefferson. Os árbitros tardaron un mundo en sinalar falta sobre Barbee e a estadounidense quitouse de enriba a súa rival. Primeira antideportiva. Tras outra falta visitante non sinalada, perda de balón e segunda antideportiva na disputa por un balón. E técnica a Lino López polas protestas. A base de tiros libres, 31-46 ao final do terceiro acto.

O equipo ferrolán xa non puido volver ao partido e Perfumerías Avenida chegou a ter máis 25. Ao remate, tras triplas de Patri Cabrera e Jefferson, 39-61, e Lino López que premiou as galegas  Carmen Fernández e Paula Cuíña con minutos nunha semifinal polo título.

Segundo relatou Leopoldo Ibáñez á Radio Galega, Star Center-Uni Ferrol, terceiro na clasificación final da Liga, tería dereito a unha praza na vindeira Eurocup. “Analizaremos as posibilidades que hai, que pasan por acadar un orzamento digno para poder afrontar a competición lonxe das nosas fronteiras”, apuntou Ibáñez sobre a opción de disputar por primeira vez na súa historia unha competición europea.

Ficha técnica
Star Center-Uni Ferrol 39:
Ana Suárez (4), Ani Calvo (5), Shacobia Barbee (6), Bea Sánchez (5), María Araújo (6) –cinco inicial- Patricia Cabrera (3), Laquinta Jefferson (10), Vilma Kesanen (0), Paula Cuíña (0) e Carmen Fernández (0).
Perfumerías Avenida 61: Silvia Domínguez (5), Givens (2), Alana Beard (7), Milovanovic (13), Erika de Souza (10) –cinco inicial- Elonu (12), Laura Gil (8), Marginean (4), Angela Salvadores (0) e Laura Quevedo (0).
Parciais: 12-20, 11-12 (23-32), 8-14, 8-15 (39-61).
Árbitros: Antonio Zamora Rodríguez e Arnau Padrós Feliu. Expulsaron por dúas antideportivas a Shacobia Barbee.
Incidencias: segundo partido das semifinais polo título nun pavillón municipal de Esteiro cheo.

As ferrolás despedíronse de Esteiro tras unha tempada espectacular.
As ferrolás despedíronse de Esteiro tras unha tempada espectacular. | Fonte: @UniFerrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta