A Estrada xa coordina as emerxencias de todo o país

O inicio da actividade no novo Centro Intregrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) levouse a cabo "con total normalidade", segundo o servizo de emerxencias, malia a folga do persoal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2017 | Actualizada ás 09:39

Comparte esta noticia

O inicio da actividade no novo Centro Intregrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) situado no municipio da Estrada (Pontevedra) levouse a cabo "con total normalidade", segundo informou o servizo de emerxencias. Con todo, a estrea estivo marcada pola folga do persoal do 112.

As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra).
As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra).

A nova central de emerxencias comezou a operar na madrugada deste mércores. En concreto, segundo apunta o 112 Galicia, a primeira chamada xestionada desde as novas instalacións produciuse ás 00.51 horas.

A atención ás incidencias xestionadas ao longo da noite realizouse a través dunha nova plataforma tecnolóxica, creada de forma específica para o 112 Galicia e que, segundo explicou, "permite integrar maior número de información a tempo real".

Con este novo sistema, foron atendidas ata as 8.00 horas deste mércores un total de 326 chamadas, para dar resposta a 78 incidencias, segundo os datos apuntados polo 112 Galicia.

O novo CIAE do 112 permite acoller 77 postos iniciais de atención directa, o que supón incrementar nun 125 por cento a atención de resposta ao cidadán, segundo lembran as mesmas fontes.

A Xunta realizou, "como estaba previsto", o traslado do CIAE-112 ao estar "a seguridade garantida", despois de que o xuíz decretase "ata un 80% de servizos mínimos" nos traballadores en funcións de xestores e coordinadores telefónicos, os máis importantes na operación.

A Administración autónoma pronunciouse deste xeito despois de que o sindicato CIG revelase este martes que o xulgado declarou "ilegais" os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta para o 112.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta