Galeguismo=Esquerda: historia dunha anomalía

Se lermos a Justo Beramendi, catedrático recoñecido como a maior autoridade académica sobre a historia do galeguismo político, no seu texto publicado xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas e titulado “O Nacionalismo Galego” di o seguinte con respecto ao movimento galeguista da segunda república e ao impacto que nel tivo o franquismo...

Por Carlos Vázquez Padín | Santiago | 05/03/2010

Comparte esta noticia

“un movemento nacionalista en paulatino ascenso, que conquería ir dotandose dunha base social ampla e diversificada (…) máis que ainda non estaba dabondo artellada e asentada como para resistir o impacto terríbel da Guerra Civil e os longos 39 anos da ditadura franquista (…) a memoria histórica do nacionalismo galego non sobreviviu sen embargo entre os seus primeiros votantes e a masa dos seus afiliados da maneira que sí o fixo en Cataluña e o País Basco: en 1936 producese unha clara ruptura xeracional (…) isto implicará que o nacionalismo galego haberá ser practicamente reconstruido ex novo baixo o franquismo”.

No Partido Galeguista da segunda república coexistian distintas tendencias ideolóxicas que ian desde as máis progresistas de Castelao ou Bóveda ás máis tradicionalistas ou conservadoras de Otero Pedrayo ou Vicente Risco, non existia, porén unha tendencia marxista ou declaradamente socialista ou comunista dentro do PG. Os mesmos autores afirman que o Sempre en Galiza supón a fixación ideolóxica do nacionalismo nos postulados da áa liberal-democrática do PG. En todo caso parece dificilmente discutible que o PG era un movemento de amplo espectro ideolóxico pero ubicado dentro dun abano de ideoloxías non moi lonxanas ao centro político, sen presenza do marxismo e do fascismo.  A ruptura xeracional que supón a ditadura fai que se perda ese capital político interclasista da segunda república e que o galeguismo político rexurda nos anos sesenta coa incorporación do pensamento marxista, a través das duas familias ideolóxicas da esquerda galeguista, primeiro a UPG e posteriormente o PSG, que non deixan de ser, case cincuenta anos despois, as duas familias políticas, con matices,  que se continuan a disputar o control do galeguismo de esquerda neste momento histórico, a través dunha loita a morte no seo do BNG.

Cataluña logra pasar a longa noite de pedra nas mellores condicións das tres nacionalidades que conseguiran a aprobación do seu estatuto na II República, ERC e UDC xa existian naquela altura e como aportación novedosa aparece a CDC de Pujol nos anos setenta, filla dun entorno social xa moi favorable ao catalanismo político que permite que o dano da ditadura sexa menor, o Pais Basco pasao peor, o PNV resiste coa suficiente forza para acadar o poder xa nas primeiras eleccións autonómicas pero a dinámica reactiva xerada pola ditadura provoca unha máis das suas excrecencias negativas e destrutivas: ETA.

É portanto o longo periodo ditatorial, o que en Galicia acaba provocando que un galeguismo de amplo espectro e próximo ao centro como o da segunda república, se convirta nun galeguismo de inspiración marxista e ubicado nun estremo do mapa político deixando todo o espazo central para formacións políticas de ámbito estatal, algún politólogo definiu ao BNG, ao meu xuizo con pleno acerto, como “la Izquierda Unida Gallega” tanto pola sua inspiración marxista como polo seu modelo organizativo baseado na creación dunha frente controlada con manu militari por un partido comunista, no caso galego a UPG e no español o PCE. Isto para calquera que considere a Galicia como o seu país e o seu marco de acción política non pode ser visto senón como un verdadeiro drama, que país pode ter viabilidade de futuro cando só unha organización ubicada no 2,8 na escala de 0 a 10, sendo 0 o estremo esquerdo e 10 o estremo dereito, polos cidadáns galegos segundo o CIS, reinvidica o dereito a existir dese país?.

É a ruptura xeracional e a dinámica acción-reacción dunha ditadura fascista de coarenta anos que da orixe a ese corremento do galeguismo cara á esquerda, non descubro a pólvora dicindo que o franquismo fixo moito mal por acción e por reacción e moitas das suas consecuencias ainda perduran trinta e cinco anos despois da morte do ditador. Porén estamos no 2010, é o momento no que xeracións de galegos que xa non fomos socializados no franquismo, nen influidos pola sua negativa dinámica de acción-reacción os que temos que pór sobre a mesa a necesidade urxente que este País ten  de crear algo novo, algo que non sexa debedor en absoluto ou fillo da ditadura nin por acción, como o PP que ainda non condenou esa ditadura, nin por reacción, como o BNG e que normalice o menú político galego para acometer a sua imprescindible homologación aos paises máis avanzados do noso entorno occidental europeo, a aparición de Converxencia XXI neste momento non ten nada que ver coa casualidade, coincide coa chegada á madurez política e persoal dunha xeración á que o franquismo xa non nos influe e non nos produce máis que o fondo rexeitamento que como amantes da democracia e da liberdade sentimos por calquera ditadura de esquerdas ou dereitas en calquera lugar do mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Vázquez Padín Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com