Pacto polo territorio e caos lexislativo

Nas últimas semanas vimos ollando estupefactos o caos procedimental e lexislativo despregado pola actual administración galega en todo aquelo que teña que ver co territorio, coa súa (des)ordenación e coa xerarquización do corpus lexislativo e normativo nun asunto fundamental e de difícil volta atrás como é definir e regulamentar os usos, prohibicións (si, señor Hernández e Feijoo, a xestión do territorio non se reduce a “ordenar” senón tamén hai que prohibir se queremos salvar o pouco que queda) e autorizacións do conxunto do territorio.

Por Xan Duro | A Coruña | 07/03/2010

Comparte esta noticia

Velaí o eixo básico dun concepto do territorio ollado dende a sustentabilidade: o conxunto, a transversalidade e a ollada global sobre o mesmo, do amplo ao concreto

Máis as administracións, e a Xunta actual semella unha alumna avantaxada, adoitan invertir esta dinámica e formulan a ordenación do territorio do concreto ao global, adaptando sucesivamente as leis de rango maior aos planos sectoriais de rango normativo aprobados en primeiro lugar.

Só dende está óptica curtopracista e miope, desenvolvida a golpe de lobby e intercambio de favores, podemos albiscar a orixe deste proceso destrutor, desartellador e desvertebrador do territorio, no que se inicia o proceso de elaboración dunhas Directrices de Ordenación do Territorio, a “Carta Magna” do territorio galego, á vez que se aproban planos sectoriais, se establecen planos estratéxicos para infraestruturas e rifan reformas da Lei do Solo.

Así, na actualidade está en marcha o proceso administrativo de aprobación do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia, en fase de consulta pública. Tamén está nas súas primeiras fases o Plan de Ordenación do Litoral que obviamente terá que adaptarse ao aprobado xa no Plan Galego de Acuicultura que regala nada menos que 3,5 millóns de m2 de litoral ás empresas acuícolas. Tamén se está a discutir a cuarta reforma da Lei do Solo nos seus sete anos de vida namentres a FEGAMP e a Consellería do ramo están a discutir xa unha nova Lei do Solo para finais da lexislatura. Asemade, entre as primeiras medidas do goberno Feijoo estivo a aprobación do Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015, un remexido do proposto polo bipartito no 2009 que afecta ao territorio no seu conxunto, coa construción de grandes infraestruturas, como sempre, adicadas a potenciar o transporte por estrada; e a reforma do decreto eólico, con implicacións territoriais claras. A maiores, dende a Consellería de Medio Rural estase a anunciar xa unha nova lei de montes para “ordenar”, semella a palabra da lexislatura, os usos do monte.

En definitiva están en marcha ou aprobados catro planos sectoriais, un plano de ordenación e unha modificación da lei do solo, en fase de redacción unha nova lei do solo e unha nova lei de montes sen ter aínda aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio, xa propostas polo bipartito.

É por iso que causa certa sensación de perplexidade escoitar os chamamentos que fan os distintos voceiros e voceiras dos grupos parlamentares reclamando unha gran pacto polo territorio. Que vaian lendo as súas señorías todos estes documentos, porque o seu “pacto polo territorio” vaise ter que adaptar a eles, como remate deste aquelarre no que desbaldimos irremediablemente o que fai parte inseparábel da nosa condición de seres vivos, o espazo físico que habitamos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xan Duro Nacido no ano 1966 na Coruña. Bibliotecario. Responsable da Área de Enerxía e Transporte de Verdegaia, foi coordenador desta asociación no periodo 2006-2008 e presidente de ADEGA entre 2003 e 2006. Especializado en transporte e medio ambiente, é un activo impulsor da bicicleta en Galicia. Membro da comisión permanente de Verdegaia.