O orgullo de sermos galegos

Hai uns días que se publicou un anuncio publicitario de “Aguas de Mondariz”. Chamou moito a atención a súa mensaxe. Porque desta volta, a intención da marca non era convencernos das moitas bondades da súa auga, que as ten, para a saúde dos consumidores.

Por Xosé Glez. | Redondela | 08/03/2010

Comparte esta noticia

A mensaxe que espallaron foi outra ben distinta: proclamar o orgullo de seren galegos na única acepción que ten a palabra, sen perversas reviravoltas. A oportunidade escollida para a súa publicación coincide coa agresión que o noso patrimonio cultural está a sufrir dun tempo a esta parte.

A empresa mondarizana recupera deste xeito o espírito que lle dera no primeiro terzo do século pasado a familia Peinador, nomeadamente Enrique Peinador Lines, o “Cónsul do romanticismo” como o chamara Xoán Carballeira. Entón, coma hoxe, a cultura galega tiña inimigos que tentaban desprestixiala e coutala. Ante aqueles desaforados ataques, Enrique Peinador,  manifestaba  nunha entrevista que lle facían en xullo de 1934 no xornal vasco “El Día”: “o galeguismo malia os inimigos que aínda ten a súa doutrina, inspira como falanxe intelectual o respeto dos máis encarnizados inimigos”. Tal coma hoxe;  pasou o tempo pero perviven o autoodio e os inimigos da nosa cultura. Por iso é de louvar a actitude da dirección actual de “Aguas de Mondariz” publicando ese anuncio que estamos  a comentar na defensa da nosa identidade.

“Aguas de Mondariz” súmase ao ronsel de empresas que en Galicia están incorporando a lingua galega ás súas actividades, na etiquetaxe e publicidade, nomeadamente, como están a facer as cento setenta adegas galegas que xa rotulan os seus envases na nosa lingua. O seu exemplo racha con tódolas argalladas e  prexuízos lingüísticos que manifestan algúns; argumentan que a lingua galega é unha limitación para poderen colocar os seus produtos nos mercados internacionais. A realidade é outra ben desemellante: nos mellores restaurantes de París, Xapón, Londres, New York ou Sidney podemos atopar viño etiquetado no noso idioma onde gozan de enorme prestixio pola súa calidade. O mesmo estáno a facer moitas empresas de produtos agroalimentarios.

Dicía recentemente Ferrán Adriá, o reputado cociñeiro catalán, que Galicia ten os mellores produtos, pero que os galegos non sabemos vendelos. ¡Canta razón ten!  Non somos quen de manifestarmos con orixinalidade e con orgullo de pertenza a unha terra con  acusada personalidade de seu. Moitos empresarios aínda seguen a ocultar ou menosprezaren a lingua galega, un dos sinais máis preclaros da nosa identidade, na que se escribíu a mellor lírica medieval tan admirada polos paises cultos do mundo.

O Foro E. Peinador, que vén traballando arreo pola galeguización da nosa economía, está a constatar a permeabilidade dun amplo sector do empresariado ao discurso da galeguidade, feito que os consumidores deben apoiar. Sobre todo esa franxa social máis sensible ao feito diferencial galego. A eles, ás institucións públicas e entidades privadas -partidos, sindicados, asociacións culturais, etc…- que os representan,  diriximos o noso chamamento apelando á responsabilidade de todos para que presten o apoio que lle cómpre a este proceso de reencontro entre a empresa e a lingua. E para que isto aconteza é preciso que os consumidores fagan uso responsable do principio de “a igual calidade, preferenza polos produtos etiquetados en galego”.Eis o reto. A regaleguización de Galicia é un obxectivo no que os fabricantes e os consumidores débense apoiar recíprocamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.