Temas: INCENDIOS LUMES

Os incendios forestais sacoden agora a provincia da Coruña

Tres lumes permanecían activos na mañá deste xoves nos municipios coruñeses de Negreira, Boiro e As Pontes que queimaron unhas 140 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2017 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

Os incendios non dan tregua a Galicia, cando aínda non chegamos ao verán. Logo de varias vagas de lumes no país este inverno e no comezo da primavera, que afectaron principalmente a provincia de Ourense, agora son tres os incendios forestais permanecían activos na mañá deste xoves nos municipios coruñeses de Negreira, Boiro e As Pontes que queimaron unhas 140 hectáreas.

Axentes medioambientais mobilizados para controlar os incendios en Negreira, Boiro e As Pontes
Axentes medioambientais mobilizados para controlar os incendios en Negreira, Boiro e As Pontes | Fonte: @UGTForestaisGZ .

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, iniciouse ás 22.36 horas do mércores un incendio na parroquia de Negreira do municipio homónimo, que afecta a unha superficie provisional de 70 hectáreas de monte raso e arborado. No control deste lume participaban dez axentes, 14 brigadas, catro motobombas e dúas pas, segundo sinalou nun comunicado de prensa Medio Rural.

Tamén estaba activo outro lume que comezou ás 2.00 horas deste xoves na parroquia de Cures do municipio de Boiro, que queimou unhas 50 hectáreas de monte raso, segundo as estimacións provisionais. Para o seu control mobilizáronse sete axentes, tres brigadas, dúas motobombas e dúas pas.

Medio Rural tamén informou dun lume activo desde as 6.10 horas deste xoves na parroquia de Deveso no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.

Este incendio forestal afecta a unha superficie provisional de 20 hectáreas. Nos traballos de control participan catro axentes, cinco brigadas e tres motobombas.

Medio Rural destacou que "axiña que sexa posible" sairán os medios aéreos para reforzar os traballos de control e extinción nos lumes que están activos.

EXTINGUIDO

Mentres, o incendio que comezou ás 17,54 horas do mércores na parroquia de Monte do municipio coruñés de San Sadurniño quedou extinguido ás 1.30 horas deste xoves.

As últimas estimacións apuntadas por Medio Rural sitúan a superficie afectada en 36 hectáreas de monte arborado. Na súa extinción participaron catro axentes, seis brigadas, unha motobomba e seis helicópteros.

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta