A Xunta chega a un acordo cos certames audiovisuais que quedaron excluídos das axudas económicas de Agadic

Os festivais de Cans, Curtocircuíto, Primavera de Cinema e FKM recibirán subvencións da Xunta, mentres que Cineuropa queda fóra

Santiago de Compostela | 20/04/2017 | Actualizada ás 19:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta alcanzou un acordo con algúns dos certames audiovisuais que quedaron fóra das axudas económicas que cada ano reparte a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a celebración de festivais deste tipo, segundo informou o Goberno galego nun comunicado.

Así, os certames de Cans --O Porriño (Pontevedra)--, Freakcinema (FKM) --A Coruña--, Curtocircuíto --Santiago-- e Primavera de Cinema --Vigo-- percibirán "diferentes cantidades, proporcionais ás que ían ser solicitadas de ser admitidas as súas solicitudes".

Estas axudas procederán de "os 33,349 euros non executados" da resolución das subvencións de Agadic a festivais do sector audiovisual.

A finais do pasado mes de marzo, varios festivais audiovisuais de Galicia denunciaron unha "decisión sen precedentes" por parte de Agadic que deixaba "fóra das axudas" a estes certames alegando un "defecto de forma na entrega de documentación".

Este ano, a convocatoria de axudas incorporaba a novidade de que a presentación de solicitudes debía realizarse a través da sede electrónica da Xunta. Nun comunicado emitido en redes sociais, o Festival de Cans acusou a Agadic de non establecer "ningún medio de asistencia nesta situación excepcional".

CINEUROPA, FÓRA DAS AXUDAS

Finalmente, o festival Cineuropa de Santiago quedou fóra destas axudas, xa que a Xunta aplica "o criterio que impediría a subvención de dous certames presentados por unha mesma entidade ou institución".

Tanto Cineuropa como o festival Curtucircuíto están promovidos polo Concello de Santiago, polo que será o certame de curtos o que reciba a liña de axudas económicas de Agadic.

ACORDO "ACORDADO"

O acordo foi acordado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a coordinadora de Festivais de Cinema, que aglutina a "todos" os certames audiovisuais de Galicia.

Ambas as partes alcanzaron unha "solución conxunta que pon fin a unha situación excepcional, complexa e non desexada por ningunha das partes", resaltou o Executivo autonómico no seu comunicado.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta