O Celta fai historia

O equipo celeste, que sufriu ata o asubío final, empata 1-1 co Genk en Bélxica e pasa por primeira vez na súa historia a semifinais da Europa League. Manchester United, Ajax de Amsterdam ou Olympique de Lyon, rivais no sorteo deste venres en Nyon.

Por gcdeportes | Vigo | 20/04/2017 | Actualizada ás 23:29

Comparte esta noticia

Ficha técnica
KRC Genk 1:
Mathew Ryan; Castagne, Brabec (Dewaest, 81'), Omar Colley, Uronen; Malinovsky (Boetius, 72'), Berge; Trossard, Álejandro Pozuelo, Thomas Buffel (Schrijvers, 72') e Mbwana Samatta.
Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Andreu Fontàs, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass (Jozabed, 80');  Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti (Claudio Beauvue, 42'; Roncaglia, 90').
Goles: 0-1: Pione Sisto (minuto 63). 1-1: Trossard (66')
Árbitro: Willian Collum (Escocia). Amarelas a Tucu Hernández (86') e Jonny (89') e Hugo Mallo (90) no Celta e a Dewaest (86') no Genk.
Incidencias: partido de volta dos cuartos de final da Europa League no Luminus Arena ante preto de 24.000 espectadores.

O Celta fixo historia en Bélxica. Nunca antes estivera nunhas semifinais dunha competición europea. O que non puido facer o Celta de Karpin, Mostovoi ou Gustavo López, conseguiuno o Celta do Toto Berizzo, liderado por Iago Aspas, con Hugo Mallo, Jonny e Sergio Álvarez no once titular. Tras 94 anos de historia, por fin o Celta poderá gozar unhas semifinais da Europa League, despois de caer en cuartos nas tres veces anteriores (1999, 2000 e 2001).

Os xogadores do Celta celebran en vestiarios o pase a semifinais.
Os xogadores do Celta celebran en vestiarios o pase a semifinais. | Fonte: @RCCelta

Con moito sufrimento ata o asubío final, pero o equipo de Berizzo firmou un empate na casa do Genk (1-1) e fixo valer o 3-2 da ida en Balaídos. O Celta, co seu fútbol de posesión, foi superior e controlou sen apuros o primeiro tempo, no que tivo as mellores ocasións, pero non atinou co gol. Tralo descanso, o partido foi máis aberto, de ida e volta, pero foi Pione Sisto quen abriu o marcador cun golazo no minuto 63. Pero unha perda de balón de Cabral ao bordo da área propiciou o empate do Genk tan só tres minutos despois. O Celta acusou o golpe, e de aí ata o final, sufrimento celeste, pechado na súa área e incapaz de termar da posesión. Aínda así, pouco perigo creou o equipo belga, sen ideas ante a solidez defensiva dos de Berizzo.

O asubío final do árbitro foi unha liberación para os celestes, que puideron festexar cos 550 afeccionados desprazados a Bélxica a fazaña de clasificarse por primeira vez para unhas semifinais europeas. As outras eliminatorias de cuartos necesitaron dunha prórroga para decidirse. Manchester United, que gañou 2-1 ao Anderlecht na prórroga; Ajax de Amsterdam, malia a perder 3-2 co Schalke 04 (2-0 na ida); e Olympique de Lyon, que eliminou o Besiktas nos penaltis, son os posíbeis rivais nunha histórica semifinal. O Celta está a tan só un chanzo da desexada final en Estocolmo. Este venres ás 13.00 horas, sorteo das semifinais. "Para nós agora comeza outro soño en semifinais. Crémonos capaces de gañar a calquera", apuntou un exultante Toto Berizzo.

Cabral,  Hugo Mallor, Sergio Álvarez e Iago Aspas celebran o pase cos afeccionados.
Cabral, Hugo Mallor, Sergio Álvarez e Iago Aspas celebran o pase cos afeccionados. | Fonte: @EuropaLeague
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Aquest equip esta més aprop d'el CEL