Propoñen unha liña de alta velocidade directa Ourense-Vigo que reduciría o traxecto en 32 km

Diminuiría uns 20 minutos o percorrido por Cerdedo e as obras poderían acabar en 2027 de comezar en xuño.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 21/04/2017 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O enxeñeiro técnico de obras públicas Xosé Carlos Fernández Díaz elaborou unha proposta para unha liña de alta velocidade Ourense-Vigo directa que reduciría o traxecto dos 114 quilómetros previstos a 82. O proxecto, que trasladou este venres aos membros do Foro Económico de Galicia no transcurso da súa reunión anual na Toxa (O Grove), preséntase como alternativa á solución do Ministerio de Fomento, "un 39% máis longa do necesario", segundo os cálculos do autor.

Tren Alvia circulando polo trazado Ourense-Santiago
Tren Alvia circulando polo trazado Ourense-Santiago | Fonte: Adif

Así, unha solución "directa" polo norte de Ribadavia e Mondariz, explica Fernández Díaz, tería 82 quilómetros de percorrido, fronte aos 114 proxectados por Cerdedo. De acordo co seu estudo, ir de Vigo a Ourense vía Cerdedo encarecería a viaxe un 39%, xa que as tarifas de Renfe calcúlanse polo número de quilómetros.

Ademais, como outra desvantaxe do plan inicial do Ministerio, este experto sinala a duración da viaxe Vigo-Ourense, "un 87% maior do necesario".

"VERDADEIRA ALTA VELOCIDADE"

Por Cerdedo, explica, sería 20 minutos maior que por unha liña "directa", ao esixir máis quilómetros, parada previa en Pontevedra e circular un 33% por liña non apta para "verdadeira alta velocidade".

E é que os 37 quilómetros entre Barro-Pontevedra e Vigo, que pertencen ao Eixo Atlántico, só son aptos para 220 quilómetros por hora, destaca.

A SÚA ALTERNATIVA, MÁIS CURTA

"A liña directa é máis curta, os trens circularían ata o Concello de Mos en alta velocidade, e non esixe a parada previa en Pontevedra", contrapón.

Na súa proposta, ademais, advirte de que os tempos de Vigo a Ourense non serán competitivos coa autovía e avisa tamén de que a vía Cerdedo non atraerá viaxeiros de Portugal.

Asegura que as viaxes a Madrid polo proxecto previsto pasarán das tres horas, mentres que a súa alternativa pola ruta directa —vía Mondariz— implicaría dúas horas e 45 minutos.

A modo de síntese, Xosé Carlos Fernández apunta á "dubidosa rendibilidade" do traxecto Ourense-Vigo por Cerdedo e estipula que a súa proposta podería rematarse en 2027 de comezar as obras en xuño deste ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Braisiño

¿Pero en que cabeza cabe a liña Ourense - Vigo por Cerdedo? ¿Pensarían aforrar moito tempo sobre a liña actual? ¿Verían algunha vez un mapa de Galicia? Iría tan ao Norte que case chega a Santiago (A Estrada podería ter estación) ¡ Que disparate! Esta proposta por Ribadavia e Mondariz é correcta e axeitada, por directa e rectilínea.