Francisco Pillado Maior: “Son republicano por vocación, por estirpe e por ralea”

O escritor, dramaturgo e editor pronunciou na Real Academia Galega o seu discurso como Republicano de Honra 2017. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e a profesora Pilar García Negro, acompañaron ao homenaxeado xunto á concelleira Silvia Cameán e a deputada provincial nacionalista Anxela Franco Pouso.

Por Erik Dobaño | A Coruña | 21/04/2017 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

“Nacín no ano 1941, ao pouco de finalizada a guerra incivil española. Aínda que, para ser exactos, na Galiza non houbo guerra. Houbo, si, unha cruel represión por parte do bando fascista capitaneada por un sádico como Francisco Franco, caudillo de España por la gracia de Dios, que se dicía entón porque contaba co apoio da Santa, Católica e Apostólica Igrexa Española, un tópico daqueles tempos”, comezou Francisco Pillado Maior o seu discurso na Real Academia Galega, no acto solemne no que foi distinguido como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Homenaxe na RAG a Francisco Pillado
Homenaxe na RAG a Francisco Pillado | Fonte: CRMH Coruña.

Falou Pillado Maior dos seus recordos de infancia e mocidade, dos silencios daqueles días, dos papeis mecanografados que o pai agochaba e que contiñan versos de Lorca que o emocionaron cando os leu; falou da “sensación de terror” que finalmente comprendeu e de como a avoa e a nai –“Eva e Pandora nais da Liberdade”- foron as que racharon aquel silencio. Falou Pillado Maior dos amigos –Manuel Lourenzo e Jorge Ricoy- cos que se iniciou nas letras e nos escenarios.

“Nos anos da miña xuventude, como non podiamos expresarnos verbalmente, utilizabamos os símbolos”, dixo Francisco Pillado. “Eu, por exemplo, deixaba a barba coma Ernestro Che Guevara e fumaba en pipa coma Jean-Paul Sartre, a quen considero aínda hoxe un dos pais da coherencia. Rexeitou o premio Nobel de Literatura e afirmaba algo que para algunhas persoas da miña idade –con ideas antifranquistas- era absolutamente indiscutíbel:Todo anticomunista é un porco. Dígoo agora e direino sempre.”

E falou tamén da Memoria Histórica, das leis e dos herdeiros do franquismo que furtan a rehabilitación e a reparación das vítimas. E preguntouse: “que pensar dun Estado, o español, que para coñecer o noso pasado máis próximo precisa crear unha Lei de Recuperación da Memoria Histórica?”.

Francisco Pillado Maior, que o próximo maio cumprirá 76 anos, dedicou unha parte da súa vida a rachar aqueles silencios e a recuperar a historia dos represaliados a través dun vehículo fondo e forte como é a lingua e a cultura do país que contribuíu a rescatar e reconstruír. Loitou contra a barbarie e contra o ditador ao que lle dedicou uns versos de Celso Emilio Ferreiro no remate do seu discurso: “Cabrón que nos estruja y merodea, / con cabrones negocios y amasijos, / cabrón de bancarrotas y de alijos, / cabrón que nos escupe y que nos mea”.

Pillado Maior, que volveu declararse marxista e nacionalista, lembrou a relación de Republicanas e Republicanos de Honra que o precederon -Carme Seijas, Teresa Alvajar, Luisa Viqueira, Isaac Díaz Pardo, Mariví Villaverde, Elvira Varela Bao, Aurora Marco, Nicanor Acosta e Camilo de Dios- e confesou que “é unha honra estar á par, neste aspecto concreto, das persoas citadas” antes de declararse tamén “republicano por vocación, por estirpe e por ralea”.

“Laudatio de Pillado Maior” por Pilar García Negro

“Como na parábola evanxélica, utilizou con proveito os talentos que lle foron dados (seu avó, músico e compositor de enorme mérito; seu pai, bibliófilo e insubornábel xornalista) e púxoos a render ao servizo dunharesposta e dunha alternativa. A resposta á abafante represión da ditadura; a alternativa a tanto silencio e tanta exclusión programada, na procura dunha cultura merecente de tal nome”, dixo Pilar García Negro no arranque da laudatio a Pillado Maior.

García Negro fixo mención a labor en prol do teatro de Pillado Maior e sinalou que “no ermo oficial dos anos sesenta, cumpría recuperar o teatro galego e así o fará, con Manuel Lourenzo, no Teatro Circo e a Asociación Cultural O Facho, da Coruña. Non existía centro nen editoras dedicadas a esta arte, e da man de ambos nacerán a Escola Dramática Galega e os cadernos do mesmo nome que acolleron, nun amplísimo abano, textos clásicos, traducións ao galego, inéditos, obra de autores e autoras noveis, ensaios… Clásicos da información metateatral son o volume dedicado á historia do teatro galego e o dicionario de autores, en coautoría con Manuel Lourenzo, así como as súas achegas sobre Lugrís Freire e as súas traducións de Molière, Chejov, Nicolás Guillén, García Lorca, Luís Seoane, Genet, Ghelderode ou Beckett . Mención especial merece a fundación da Sala e Compañía de Teatro Luís Seoane, que durante anos foi un foco de intensa luz cultural, única en toda a Galiza”.

A profesora concluíu definindo a Pillado Maior como “militante da idea feita obra. Ben lle acaen versos dun libro póstumo de Manuel María, grande amigo: Nós, que aínda estamos vivos, defendemos / a inviolabilidade do universo / e, con ela, a lexitimidade total dos soños certos.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta