Santiago é de Primeira!

O equipo compostelán vence 4-0 a Peñíscola, certifica a permanencia un ano máis na elite e celebra coa afección o obxectivo cumprido. Burela, que perdeu 7-1 con ElPozo, deberá gañar a Levante na última xornada e agardar que Santiago puntúe en Cartaxena ou a derrota de Gran Canaria.

Por gcdeportes | Compostela | 22/04/2017 | Actualizada ás 09:17

Comparte esta noticia

Un ano máis entre a elite. Por fin Santiago Futsal acadou a vitoria (nove xornadas despois) que necesitaba para certificar a permanencia outra campaña en Primeira. O equipo compostelán venceu, non sen dificultades, 4-0 a Peñíscola, e xogadores e afección acabaron de festa en Sar, celebrando xuntos a consecución do obxectivo, como se fose un título para o club da loita, a falla dunha xornada de liga. Trala tensión por acadar a permanencia matemática, os xogadores do Santiago Futsal descansarán ata mércores, cando volvan ao traballo coa vista posta na última viaxe a Cartaxena, onde deberán botar unha man para axudar á salvación do outro equipo galego, o Pescados Rubén Burela.

Houbo que sufrir ante Peñíscola na primeira parte, na que os castellonencos (Lucas Bolo e Míchel) tiveron ocasións dabondo para marcar, pero atopáronse cun Chema Mella inmenso, que solventou o traballo e mantivo a portaría a cero. Hugo Sánchez e Álex Diz respostaron con disparos axustados preto dos paus, pero foi cando restaban oito segundos para o descanso, tras un robo de Catela en pista propia e unha conducción cara a banda, que cedeu a Dani Montes para que este fixese o 1-0. Delirio no Fontes do Sar.

A festa rachou trala reanudación. Trala expulsión de Lucas Bolo por dobre amarela, os composteláns anotaron o 2-0 aproveitando Catela un rexeite dunha falta para bater a Iker López. Sen a presión do resultado, Santiago foi mellor. Só un minuto despois, 3-0 obra de novo de Catela tras unha espectacular xogada individual. Nos últimos dez minutos, Peñíscola apostou polo xogo de cinco, pero Santiago defendeu con criterio e Armando pechou a goleada co 4-0. Sar acabou berrando “Santiago é de Primeira” e afección e xogadores celebraron a desexada permanencia.

Ficha técnica
Santiago Futsal 4:
Chema Mella, Hugo Sánchez, Catela, Armando e Dani Montes –cinco inicial- Pablo Tallón, Pablo Mel, Álex Diz, Antonio Diz e Diego.
Peñíscola 0: Iker López, Esteban, Michel, Terry e Lucas Bolo –cinco inicial- Marquinho, Iván Rumbo, Juan Emilio, Rubén Orzáez, Álex Verdejo e Fran Conde.
Goles: 1-0: Catela (minuto 19); 2-0: Catela (24’). 3-0: Catela (25’); 4-0: Armando.
Árbitros: Gallo Suárez e Velasco Martínez. Expulsaron a Lucas Bolo por dobre cartón no Peñíscola. Amarelas a Catela, Pablo Mel e Hugo Sánchez no Santiago Futsal e a Míchel e Juan Emilio nos visitantes.
Incidencias: partido da 29ª xornada da LNFS disputado no Multiusos Fontes do Sar ante preto de 1.500 espectadores.

Dani Montes e Aramndo celebran o 1-0 coa afección.
Dani Montes e Aramndo celebran o 1-0 coa afección. | Fonte: @SantiagoFutsal

Burela, na última xornada

Burela non puido dar a sorpresa e perdeu 7-1 na súa visita a ElPozo Murcia, polo que deberá agardar á última xornada para acadar a salvación. Ao descanso, os laranxas perdían 3-1 tras un gol de Isi no minuto 18, pero os de Tomás de Dios encaixaron catro goles no segundo acto.

Burela queda con 24 puntos, por 25 Cartaxena (xoga este sábado con Movistar Inter) e 27 de Gran Canaria. Os mariñaos deberán vencer a Levante na última xornada para sumar 27 puntos e agardar: que Santiago Futsal puntúe na súa visita a Cartaxena (contando coa derrota ante Inter) e non pase de 26 puntos ou que Gran Canaria perda con Palma na casa e quede cos 27 actuais. A igualdade de puntos, Burela ten gañado o gol-average tanto a Cartaxena como Gran Canaria.

'O club da loita' celebra unido a consecución da permanencia.
'O club da loita' celebra unido a consecución da permanencia. | Fonte: @SantiagoFutsal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta