Piden máis de 60 anos de cárcere por narcotráfico para un membro do 'clan dos morones' e outros 7 acusados

Con axuda dun garda civil organizaron un control falso para roubar cocaína a dous narcotraficantes

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2017 | Actualizada ás 13:22 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide penas que suman máis de 60 anos de cárcere para un grupo dedicado ao tráfico de drogas, liderado por un dos membros do chamado 'clan dos morones' (tamén coñecido como 'familia real xitana'), Mariño J.G., e que serán xulgados os próximos luns, martes e mércores na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Así, sentarán no banco Mariño J.G., o garda civil E.P.M., M.G.B., A.I.G., A.P.C., M.D.A., e B.O.O. Aos cinco primeiros, o ministerio público acúsalles de planear un control policial ficticio para facerse con algo máis de medio quilo de cocaína que ían comprar aos dous últimos acusados.

Segundo o escrito do Fiscal, a mediados de xaneiro de 2014, M.G.B. quedou con M.D.A. e B.O.O. nun supermercado en Poio (Pontevedra) para pechar a compra da droga e transportala. Ata alí desprazouse M.G.B. nun coche acompañado por A.P.C. e, ao chegar, o primeiro meteuse no vehículo dos vendedores e os dous turismos emprenderon a marcha.

Noutro coche, seguíndoos, viaxaba o acusado Mariño J.G. xunto con A.I.G., e ía informando por teléfono ao axente da Garda Civil E.P.M. de todos os movementos, co fin de levar a cabo un control policial ficticio e poder así distraer a droga sen pagala.

Á primeira hora da mañá do 16 de xaneiro de 2014, o coche ocupado polos vendedores da droga e polo suposto comprador desprazouse pola autoestrada AP-9 desde Poio ao Porriño e, posteriormente, tomou a estrada N-550 en dirección a Redondela, seguido en todo momento polo coche de Mariño J.G.

Ao chegar a unha gasolineira, o acusado E.P.M., uniformado e utilizando un vehículo oficial da Garda Civil, deu o alto ao coche onde se transportaba a droga, coa finalidade de subtraela. A actuación quedou interrompida polo operativo da Policía Nacional que os estaba investigando a todos.

PETICIÓN DE PENAS

Como resultado deste operativo foron detidos o sete acusados, ademais doutro garda, compañeiro de E.P.M., contra quen a Fiscalía non formula acusación (e pide o sobresemento) por considerar que "non resulta acreditado" que tivese coñecemento da actividade ilícita do primeiro.

No cacheo a Mariño J.G. e no rexistro do seu domicilio a Policía incautouse dunha pistola, un revólver, cartuchos de diferentes calibres, tres navallas, 15 teléfonos móbiles, máis de 3.000 euros en efectivo, unha máquina de contar diñeiro, un caderno, un computador portátil, e tres bolsitas con cocaína, heroína e cannabis, respectivamente.

Por estes feitos, o Fiscal acusa a Mariño J.G. de ser cooperador necesario nun delito contra a saúde pública cometido por un funcionario, ademais de autor dun delito de integración en grupo criminal e outro de tenencia ilícita de armas. Para el pide penas que suman 12 anos de cárcere, e unha multa de 170.000 euros.

Para M.G.B., A.I.G, e A.P.C., o ministerio público reclama 9 anos e medio de prisión (para cada un), e tres multas de 160.000 euros; mentres que solicita a mesma condena para o garda civil E.P.M., como autor dun delito contra a saúde pública cometido por un funcionario e como integrante dun grupo criminal.

Por outra banda, pide que B.O.O. sexa condenado a catro anos e medio de cárcere por tráfico de drogas e ao pago dunha multa de 160.000 euros. Do mesmo delito acusa a M.D.A., para o que pide unha pena maior, de 6 anos, por aplicarlle o agravante de reincidencia.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta