Temas: EMERXENCIAS

O comité do 112 denuncia “colapso” na central de emerxencias e “acoso” da Xunta ao persoal

"Estamos a falar de vidas, de emerxencias: non de ningunha nimiedade", subliña a presidenta do comité tras revelar que están a facer chamadas a través de teléfonos móbiles polas deficiencias no sistema instalado na Estrada.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/04/2017 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

Representantes do comité do 112 e outros servizos de emerxencias aseguraron este sábado que a nova central de atención ás emerxencias, trasladada á Estrada, está "colapsada", a pesar de que non hai, sinalaron, ningún evento excepcional. A presidenta do comité, Isabel Moares, denunciou ea Dirección Xeral de Emerxencias que a Xunta "pasa por enriba de todo e de todos": "Márcanos uns servizos mínimos ilegais, do 100 por cento; sáltase un auto dun xuíz; e criminaliza a actitude dos traballadores perseguindo e acosando ao persoal".

Representantes do comité do 112
Representantes do comité do 112 | Fonte: Europa Press

En relación aos traballadores deste servizo, fixo fincapé en que son "grandes profesionais" que "fixeron fronte á vaga de lumes do 2006, ao Prestige e ao accidente do Alvia", todo iso, precisou, con "serenidade e tranquilidade" e "sacando o traballo adiante".

"Vémonos superados e frustrados", confesou Isabel Moares, quen revelou que hai algúns profesionais que saen do traballo "chorando" porque "non son capaces de sacar o traballo adiante". E é que asegurou que o programa está "colapsado" e a plataforma informática "non funciona". "Temos que facer chamadas ao exterior a través de teléfonos móbiles", revelou.

"A Xunta non tiña que facer este traslado. Non pasaba nada porque se atrasase unhas semanas [...]. O programa non funciona, non está finalizado", subliñou en relación ao traslado ao centro da Estrada, xusto antes de explicar que este feito "trae consecuencias" para os organismos cos que traballa as 112 (ambulancias, bombeiros e 061, entre outros).

"ESTAMOS A FALAR DE VIDAS", ASEGURA

"Estamos a falar de vidas, de emerxencias: non de ningunha nimiedade", defendeu a presidenta do comité do 112, xusto antes de condenar o traslado "unilateral" do 112 por parte do Goberno galego.

A esta concentración ante a Dirección Xeral de Emerxencias uníronse tamén outros servizos de emerxencias, como representantes da xunta de persoal do 061, da plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate) e da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (Tesgalicia).

De feito, o presidente da xunta de persoal do 061, Mario Otero, solidarizouse cos traballadores do 112, xa que eles serán "o segundo servizo en ser trasladado forzosamente" ao centro da Estrada, o cal está previsto, sinalou, para "finais de ano".

"SOLUCIÓN PACTADA"

Mario Otero fixo un chamamento á Xunta para que solucione un "problema" que, ao seu xuízo, foi "creado" polo propio Goberno galego. Por iso, solicitou á Administración autonómica que sente a negociar cos traballadores do 112 para lograr "unha solución pactada".

"As incidencias están a atenderse todas, pero non nos tempos que non gustaría", confesou o presidente da xunta de persoal do 061, quen asegurou que, en todo caso, "non hai que alarmar á poboación".

Pola súa banda, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, Xavier Villar, asegurou que os "problemas" que sofren os traballadores do 112 repercuten tamén no servizo prestado polos bombeiros, provocando un "atraso" no comezo das intervencións, así como obrigando a determinadas persoas a "contactar directamente" cos bombeiros ao non ter resposta do 112 "en tempo".

Temas: EMERXENCIAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 1-2-3 A TRABALLAR

Ide a traballar a estrada... funcionetas de adedo!!!! a traballar!!!!!

1 1-2-3 A SE INFORMAR

"funcionetas"? Infórmate un pouquiño máis, troll do PP. Ninguén que che colla o teléfono no 112 é funcionario.