Leiceaga espera que o xuízo contra o ex-alcalde de Negreira “quede en nada” e valora que dimitise

Jorge Tuñas é acusado dun presunto delito de apropiación indebida por non devolver 18 teléfonos móbiles.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2017 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, espera que o xuízo contra o ex-alcalde de Negreira (A Coruña), Jorge Tuñas, "quede en nada" e valora que dimitise para cumprir o código ético do PSOE.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista en Radio Galega, en relación ao xuízo que debe afrontar o ex-alcalde de Negreira Jorge Tuñas como presunto autor dun delito de apropiación indebida por non devolver 18 teléfonos móbiles, o portavoz parlamentario socialista afirmou que "primeiro hai que felicitalo por cumprir os seus compromisos en relación co código interno do partido e os seus compromisos no propio concello".

"Se se abría xuízo oral dixo que ía dimitir como alcalde, e así o fixo", subliñou Leiceaga, quen espera que o xuízo "quede en nada".

Noutra orde de cousas, pediu unha reflexión a En Marea e PP para "normalizar" o funcionamento do Parlamento. En concreto, desmarcouse das denuncias efectuadas pola viceportavoz segunda de En Marea, Carmen Santos, aínda que tamén critica a reacción do grupo popular.

E é que Leiceaga opta por unha posición intermedia na polémica aberta por un 'tuit' de Santos na rede social Twitter, no que dicía "revindicamos q non nos asasinen señores do @ppdegalicia" e tras o que os populares consideraron que a líder de Podemos en Galicia deixaba de ser unha interlocutora válida, o que acabou esta semana coa petición de amparo de En Marea para Santos.

'RIFA' A CARMEN SANTOS E AO PP

O portavoz parlamentario do PSdeG di que "as palabras de Carmen Santos na interpretación, polo menos que se lle deu publicamente, non eran acertadas". "Pero eu creo tamén que a actitude do PP é excesiva e, por tanto, debo facer un chamamento á reflexión tanto a En Marea como ao grupo popular para conseguir que o funcionamento do Parlamento sexa un funcionamento máis normalizado", aseverou.

Leiceaga tamén cuestiona que En Marea siga insistindo en abrir en Galicia unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois. Entende que o ámbito no que fai falla desenvolver a investigación é o Congreso e, nese sentido, pon o acento en que "un grupo similar a En Marea nas Cortes de Castela e León vén de rexistrar unha iniciativa que deixaría ao Congreso dos Deputados esa responsabilidade". "Eu creo que os deputados de En Marea deberían aprender disto", opinou.

Así mesmo, o portavoz parlamentario do PSdeG mostrou a súa esperanza en que esta vez poida saír adiante a iniciativa do Parlamento galego para a transferencia da AP-9: "Creo que hai posibilidades de que se discuta no pleno e, por tanto, tómese unha decisión favorable aos intereses de Galicia".

PRIMARIAS PSOE

En clave estatal, Leiceaga evita situarse en relación ás primarias do PSOE: "Eu creo que para preservar o grupo parlamentario como un instrumento útil para poder facer política en Galicia debemos mantelo á marxe da competencia que exista entre diferentes persoas no partido".

En todo caso, negou que o debate interno xere discrepancias no grupo: "Non. Creo que non se percibe así na sociedade e tampouco se percibe nos contactos que temos entre nós. Procuramos falar do noso traballo, as iniciativas parlamentarias que presentamos e os debates que temos na Cámara, e a iso dedicámoslle a maior parte dos nosos esforzos".

Despois, argumentou, "fóra do Parlamento cada un toma as decisións que considera oportunas no ámbito do partido".

Leiceaga eludiu entrar en consideracións sobre o congreso que o PSdeG ten pendente para despois das primarias federais: "Estamos noutra fase".

Preguntado por se o resultado das primarias pode influír na súa decisión de aspirar á Secretaría Xeral do PSdeG, pronunciouse da seguinte forma: "Non, non. Eu non teño que tomar esa decisión. Eu estou a dirixir o grupo parlamentario e espero seguir facéndoo no futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

mentres este dirixe o grupo parlamentario outro dirixe o chiringuito Abel & Carmela S.L. outra vez no xulgado pero nunca salpicados... sonche listos de carallo ! http://carlosprincipe.com/wp-conten...