As Illas Atlánticas, primeiro parque nacional que recibe o selo Observer de turismo científico

É o primeiro parque nacional en España e o primeiro destino galego en recibir este certificado internacional.

Por E.P. | VIGO | 24/04/2017 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu este luns o selo 'Observer', co que se erixe como o primeiro parque nacional de España e o primeiro destino galego en recibir este certificado que lle acredita como destino de turismo científico.

Illas Cíes
Illas Cíes | Fonte: pichardiño flickr

Nun acto celebrado este luns no Centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no Edificio Cambón de Vigo, o representante permanente do Ministerio de Medio Ambiente, Miguel Castro, fixo entrega do certificado á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.

Miguel Castro destacou que este selo recoñece a calidade e capacidade da xestión do Parque para trasladar aos visitantes e a sociedade valores científicos. "Examina as estruturas do parque, as infraestruturas, os medios, as guías e se o que se traslada nesa mensaxe é adecuado; e garante a calidade e fidelidade da interpretación", resumiu.

A conselleira manifestou que é "un orgullo" recibir esta certificación, que recoñece tanto a regulación, oferta e xestión do turismo científico, como o impulso, divulgación e posta en valor da ciencia e a natureza cara á cidadanía.

"Este certificado constitúe un compromiso da Xunta polo establecemento do turismo regulado e o desenvolvemento de novos produtos turísticos vinculados á divulgación científica", remarcou, antes de avanzar que o obxectivo da Administración autonómica é traballar para que tamén os seis parques naturais de Galicia reciban este certificado.

Finalmente, Mato lembrou que este recoñecemento se suma aos certificados 'Starlight' e 'Quality Coast' e a adhesión á Carta Europea de Turismo Sustentable, ante o que trasladou a súa satisfacción porque o patrimonio natural galego avanza "nas acreditacións de carácter europeo, que veñen dicir que se están facendo as cousas ben".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta