A Xunta destaca que o primeiro ciclo de FP dual da comarca de Ferrolterra, con Navantia, "vai na boa liña"

Os consellerios de Educación e Política Social visitan aos primeiros alumnos, que realizan o grao superior en mecatrónica industrial

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2017 | Actualizada ás 19:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitaron este luns aos 12 primeiros alumnos da formación profesional (FP) dual en Ferrolterra.

Respecto diso, Rodríguez destacou que o primeiro ciclo de FP dual da comarca de Ferrolterra, posto en marcha en colaboración coa empresa Navantia, "vai na boa liña".

"Estamos a ver como unha empresa como esta, que reclama recursos humanos especializados, está a ser fornecida por parte do sistema educativo público", salientou.

Segundo dixo, a consellería está "a elaborar e creando ciclos formativos orientados ás demandas das empresas, co obxectivo de achegar a formación profesional dual ao mundo empresarial, algo que é moi positivo, tanto para os alumnos como para as empresas que acollen estes ciclos, xa que están formado a futuros profesionais cun alto nivel de cualificación".

Nas instalacións de Navantia Ferrol, ambos os mandatarios tiveron ocasión de visitar aos alumnos do CIFP Ferrolterra que están a participar neste primeiro curso da FP dual de grao superior en mecatrónica industrial. Xunto a eles estiveron o director de Navantia Fene-Ferrol, Julio Martín, e o director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo.

O conselleiro de Educación tamén adiantou que nesta xornada de luns tiña previsto entrevistarse en Ferrol con responsables de entidades empresariais e "empresas de relevancia do ámbito do metal, madeira ou enerxéticas" para exporlles a posibilidade de apoiar novos ciclos da FP dual.

NOVAS OPORTUNIDADES

José Manuel Rey Varela, pola súa banda, destacou que hai "por diante momentos importantes para Navantia e para Ferrolterra desde o punto de vista do emprego e nesta empresa sempre foi fundamental a preparación do seu persoal".

Reivindicou, así, a aposta que está a realizar a Xunta para formar a novos traballadores, "tanto coa creación do Campus Industrial como a través da FP dual, que permitirán formar a recursos humanos da comarca e doutros lugares de Galicia, para esta nova etapa que se abre en Navantia".

Julio Martín, director dos dous estaleiros da ría de Ferrol, explicou que son doce mozos "que están a realizar prácticas en diferentes zonas de estaleiro", e indicou que os rapaces están "moi contentos coa experiencia".

A empresa naval pública o que busca é que "esta experiencia teña tamén un certo efecto tractor e que axude a que outras empresas se animen a realizar este tipo de contratación da formación, que vén ser como recuperar o que viña facendo na antiga escola de aprendices de Bazán".

PIONEIROS

Enrique Pazo, director do CIFP Ferrolterra, ao que pertencen os alumnos, asegurou que para o centro "esta é unha experiencia nova, cun profesorado moi involucrado e onde a base do éxito é o contentos que están alumnos, empresa e profesores".

Lembrou tamén que desde 2013 levan tentando implementar a formación dual, "épocas máis difíciles para moitas empresas e onde Navantia e o seu director, Julio Martín, exerceu como motor". A maiores, estimou que "todo fai indicar que se vai a conseguir a implantación de máis ciclos en empresas da comarca".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta