A Xunta reparte detectores de fume dun proxecto europeo tras telos almacenados un ano

Eran parte dun lote de material que custou máis de 400.000 euros e para o que se organizaron dous actos oficiais de entrega por parte do Goberno galego, un en abril de 2016 e outro en abril de 2017. Outra parte do material aínda segue almacenada.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 27/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, entregaba o pasado 21 de abril 4.425 detectores de fume con destino á poboación que vive en núcleos dispersos do rural galego, en teoría, dentro da zona transfronteiriza do norte de Portugal que afecta á provincia de Ourense. Era o segundo gran acto público dun alto cargo da Xunta para entregar material financiado con fondos europeos.

Embarcación de salvamento do Ariem 112 para uso en emerxencias que nunca foi utilizada
Embarcación de salvamento do Ariem 112 para uso en emerxencias que nunca foi utilizada | Fonte: GC

O primeiro gran acto foi o que tivo lugar hai xustamente un ano en Verín e a el asistía o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Entón, o número dous da Xunta  facía entrega aos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) da comarca de material por valor de máis de 400.000 euros. Eran detectores de fume, unha lancha de salvamento, equipos de respiración ou cámaras térmicas que formaban parte dun paquete do coñecido como Ariem 112, un proxecto europeo transfronteirizo que recibiu desde 2011 máis de dous millóns de euros.

Parte dese material permaneceu durante todo un ano almacenado sen uso de ningún tipo ata que Galicia Confidencial denunciou en febreiro pasado esta situación. A partir de entón, sucedéronse as chamadas entre a Dirección Xeral de Emerxencias e distintos concellos da comarca que desembocaron na entrega “oficial” de parte dos obxectos empaquetados, sobre todo, os detectores de fume.

“Con esta medida contribúese a reforzar a seguridade daquelas persoas que viven en núcleos dispersos do rural galego dentro da zona ARIEM 112, grazas a que estes detectores de fume para uso doméstico permiten axudar a protexer vivendas que poidan ser máis vulnerables ás consecuencias dun incendio”, apuntaron dende a consellería.

Críticas ao criterio de reparto

Os criterios de reparto dos detectores establecéronse segundo a dispersión de poboación, número de persoas con pouca mobilidade ou con discapacidade física ou psíquica recoñecida ou persoas que vivan soas. Non obstante, segundo as fontes consultadas por GC moito deste material servirá para que os concellos “caciqueen” entre os veciños e advirten que non houbo un criterio obxectivo de entrega dos mesmos. “Estes dispositivos son moi sensibles e non se poden colocar en calquera lugar. Se se poñen preto dunha cociña de ferro, por exemplo, van saltar”, aseguran.

Os detectores de fume enpaquetados para a súa distribución por distintos concellos da provincia de Ourense
Os detectores de fume enpaquetados para a súa distribución por distintos concellos da provincia de Ourense | Fonte: GC

Tamén critican o destino de parte do material. Moitos irán para os concellos de Verín e Xinzo, pero tamén para concellos que non entran dentro da área transfronteiriza, como o de Verea, mentres que outros que si están nesa área quedaron sen eles, como é o caso do municipio gobernado polo PSdeG de Castrelo.

Con todo, aínda hai material que segue almacenado e á espera da súa utilización. Son, sobre todo, adaptadores para racores de mangueiras contraincendios para a actuación en emerxencias en zonas transfronteirizas e tamén unha lancha de salvamento que leva máis dun ano parada e esquecida nun recuncho do parque comarcal de Verín. “Semella que a lancha vana levar para Xinzo, pero aínda segue aquí”, apunta persoal deste parque consultada. “Pero alí vai ter o mesmo problema que aquí porque non hai moito río onde metela para salvar a ninguén”, ironiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 peixe

Seaga, no funciona, el banco de tierras no da nada y funciona mucho peor...pero en el PP funciona algo.

1 eusi

A PPodremia tén mais présa por repartir millóns ás oPPusianas de RedMadre e aos curas no hospitais, ca repartir elementos de seguranza. #PPaoPParo

1 yono

Pailán