Por unha política exterior galega

Unha das eivas do noso país é a carencia dunha política de alianzas externas. Galicia non ten estado propio e tampouco quere telo pero iso non debe ser impedimento para que nos proxectemos cara a fóra como un ente territorial, cultural e político diferenciado. É máis: esta proxección é necesaria para o incremento do noso benestar e da nosa autoestima.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 18/03/2010

Comparte esta noticia

Para formularse a cuestión da necesidade dunha política exterior galega é imprescindible concebir Galicia como célula de universalidade, que se pode relacionar directamente e sen intermediarios coas outras células de universalidade. Este concepto creado polo galeguismo da Segunda República debe ser recuperado como vector dunha determinada praxe política que algúns xa estamos a aplicar desde a modestia das nosas posibilidades.

Para o PP e o PSOE galegos, Galicia non merece ter unha política de relacións internacionais. Estes partidos non pensan en Galicia de forma autónoma e o seu único referente de acción exterior é España, polo que para o único que teñen en conta a Galicia alén das fronteiras do Estado é para o inflado de censo, compra e manipulación do voto emigrante.

O BNG é distinto pero tampouco actúa como se crese nalgún momento que Galicia fose ou debese ser unha célula de universalidade, para a persoa que controla esa organización desde  a súa fundación, Francisco Rodríguez, os referentes en política internacional do Bloque son a Venezuela de Chávez, a Cuba da ditadura castrista e a república islámica de Irán. Países que teñen varias cousas en común, entre elas o seu antiamericanismo recalcitrante e a súa falta de respecto polos dereitos humanos, pola propiedade privada e polas liberdades individuais. Que eses sexan os seus referentes xa é para pór os cabelos encrespados, pero é que ademais o BNG simplemente carece dun plantexamento de política de alianzas externas pensadas en clave de beneficio para o País.

Os que cremos en Galicia como célula de universalidade temos que formular unha política de alianzas exteriores de Galicia, sen complexos pero sen perder de vista a limitación da nosa capacidade de influencia. Esa política de alianzas debe ter como obxectivo sumar sobre o que a Galicia lle aporta de positivo a acción exterior de España, en ningún caso restar. Dúas serían as liñas estratéxicas dunha política exterior galega: en primeiro lugar establecer por fin unha efectiva relación coa lusofonía, nomeadamente Brasil e Portugal, xa que a lingua nos aporta unha vantaxe competitiva sobre o resto de España e de Europa, sen que iso supoña deixar de manter e potenciar tamén as relacións coa América de fala hispana, destino das maiores correntes migratorias galegas.  

En segundo lugar cómpre situar a Galicia por dereito propio no mapa da Europa atlántica, pondo un especial fincapé nas relacións cos chamados “países celtas”, (como Irlanda, Gales ou Escocia), que poden considerar a Galicia un aliado interesante. Debemos facer gala da nosa vocación atlántica e aproveitar o mundo simbólico de celtismo porque nos abre a un espazo cultural común para crear un posicionamento diferenciado en relación ao mundo anglosaxón.

Converxencia xa traballa hoxe nesta liña, propondo que o ferry que vai saír desde Cork, en Irlanda, para o norte da península a partir de Xuño, teña a un porto galego como destino. A nosa carta dirixida ao presidente Feijóo neste sentido, non obtivo ainda resposta.

Ademais das alianzas que debemos ter como País e que non poden estar marcadas negativamente por posicionamentos ideolóxicos pechados, as relacións internacionais entre organizacións políticas da mesma esfera ideolóxica contribúen a pór o noso país no mapa. Converxencia XXI, a pesar de ser un partido que aínda non cumpriu un ano desde que foi oficialmente inscrito no rexistro do Ministerio do Interior o 4 de maio do ano pasado, xa está traballando desde o inicio as súas relacións internacionais dentro dunha das tres grandes familias ideolóxicas e políticas de Europa e do mundo, a demócrata liberal progresista.

En novembro estivemos en Barcelona no Congreso do ELDR Party, o partido europeo que agrupa os partidos democrata-liberais e reformistas do continente. Nunha conversa cun membro da delegación sueca, cando lle dixemos que eramos de Galicia, puxo unha cara de estrañeza, e nós pensamos que sería porque non sabia da existencia do noso país, pero estabamos equivocados, si que o sabia, sen embargo dixo que “o que non sabía é que Galicia estivese ao mesmo nivel que Cataluña”. Se desde un partido con menos dun ano xa se pode traballar pola proxección internacional de Galicia nun foro no que había eurodeputados, ministros, comisarios europeos, etc... que é o que se podería facer se as institucións autonómicas estivesen ao servizo dunha visión de Galicia como célula de universalidade?

A vindeira fin de semana estaremos en Cádiz, a onde fomos convidados pola Internacional Liberal á conmemoración do segundo centenario da primeira vez que se usou o termo “liberal” nun documento político, como parte dos traballos parlamentarios preparatorios para a Constitución de Cádiz de 1812. Alí estaremos cos nosos colegas europeos e iberoamericanos proxectando internacionalmente o noso país sen intermediarios. Ata onde eu sei é a primeira vez que unha organización política galega recibe un convite dunha internacional política das tres máis importantes do mundo: a socialista, a democrata cristiá ou a liberal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA