Temas: CHUS MEDICINA

O CHUS incorpora unha técnica de secuenciación masiva de nova xeración para estudar o cancro de pulmón avanzado

O laboratorio de Bioloxía Molecular de Santiago "é dos primeiros de España e o único na sanidade pública galega en empregar esta técnica".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2017 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O laboratorio de Bioloxía Molecular do servizo de Anatomía Patolóxica da xerencia sanitaria de Santiago introduce en Galicia unha nova técnica de secuenciación masiva de nova xeración (NGS) para o estudo do cancro de pulmón non microcítico en estado avanzado, que é o máis habitual.

A xerente da área de Santiago con profesionais de Anatomía Patolóxica
A xerente da área de Santiago con profesionais de Anatomía Patolóxica | Fonte: Europa Press

Así o informou este xoves a xerencia sanitaria compostelá, que explica que o laboratorio de Bioloxía Molecular de Santiago "é dos primeiros de España e o único na sanidade pública galega en empregar esta técnica para a análise do cancro de pulmón na asistencia diaria".

Deste xeito, segundo engaden as mesmas fontes, proporciónase aos oncólogos "a información máis completa para o tratamento do paciente con cancro de pulmón. Anatomía Patolóxica de Santiago diagnostica uns 300 novos casos de cancro de pulmón ao ano.

A nova técnica, que está dispoñible para toda a rede sanitaria de Galicia, precisou dun investimento en tecnoloxía duns 200.000 euros, segundo concretou a xerencia compostelá, que engade que no futuro se prevé a súa aplicación "noutros tipos de cancro como mama ou colon".

Segundo indicou, esta tecnoloxía permite a detección simultánea de múltiples alteracións en xenes relacionados con cancro nun único test, que pode ser realizado nun tempo reducido e cun custo relativamente baixo. "Estes estudos permiten obter un mellor coñecemento da patoxénese do cancro, mellorar o diagnóstico e predicir resistencias farmacolóxicas", segundo expón.

Temas: CHUS MEDICINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta