Temas: CELTA FEIJóO

Feijóo di que “hai mecanismos” urbanísticos para construír o campo do Celta en Mos

Confirma que un representante do Celta acudiu cunha delegación do Concello de Mos a unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/04/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia valora moi seriamente o ofrecemento realizado polo Concello de Mos para albergar un estadio privado que substitúa ao estadio municipal de Balaidos no que xoga o Celta de Vigo. De feito, o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que “hai mecanismos” urbanísticos para facer infraestruturas deportivas en chan rústico.

Carlos Mouriño e Alberto Núñez Feijóo nun encontro oficial
Carlos Mouriño e Alberto Núñez Feijóo nun encontro oficial | Fonte: Xunta

Feijóo confirmou que representantes do Concello de Mos e da Consellería de Infraestruturas mantiveron un encontro, no que admitiu que participou un representante do Celta de Vigo, para analizar a posibilidade de construír un estadio e unha zona comercial en terreos rústicos. “Nós recibimos ao Concello de Mos pero tamén viña unha persoa contratada polo Celta con eles dados os problemas que existen”, admitiu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta tras ser preguntado ao respecto.

En todo caso, o presidente galego quixo xustificar a presencia deste representante do Celta en esta xuntanza. “Reunións deste tipo hai cada semana”, indicou ao tempo que non descartou que se poida urbanizar unha parcela rústica para construír unha gran área deportiva e comercial. 

Non obstante, aclarou que esta posibilidade está aberta tamén para outros concellos, como o do Porriño, “e outros”, e non só o de Mos, tras o conflito xurdido entre o propietario do Club, Carlos Mouriño, e o Concello de Vigo, que se nega a vender ou privatizar un estadio municipal que é de todos os vigueses.

Temas: CELTA FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta