Temas: MOCIDADE

Queres facer prácticas en Europa?

A Xunta activa unha nova edición do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa para realizar prácticas en 27 países.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/04/2017 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Galeuropa. Ese é o programa de mobilidade transnacional xuvenil que este ano sumará 2.176.515,40 euros. Esta iniciativa, enmarcada no Programa operativo de emprego xuvenil e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, permitirá que ao redor de medio milleiro de mozos e mozas galegos realicen, a partir do vindeiro mes de setembro, prácticas formativas non remuneradas en empresas ou entidades de case unha trintena de países europeos.

Estudantes participan nun programa de negocios
Estudantes participan nun programa de negocios

O programa establece tres liñas de axudas, que son as individuais para mozos e mozas –con crédito total de 676.515,40 euros-, para proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades no eido da xuventude –para os cales se reserva un millón de euros- e para proxectos impulsados por concellos –dotada con 500.000 euros-. 

A contía da achega está en función do país de destino e días da estadía, cunha media estimada de 3.300 euros, e as prácticas formativas terán unha duración mínima de 2 meses e máxima de tres. Así mesmo, estas poderán realizarse en calquera empresa ou entidade pública ou privada de calquera destes 27 países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, República Checa, Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Suecia, Finlandia, Irlanda, Reino Unido e Dinamarca.

A bolsa

O importe da axuda total inclúe unha achega para os gastos de aloxamento e manutención, así como para a viaxe. E para os proxectos de mobilidade promovidos polos concellos e entidades sen ánimo de lucro prevese unha axuda para apoio aos aspectos organizativos, á execución do proxecto e axuda para a entidade de acollida no país de realización das prácticas formativas. Esta convocatoria anticipará o 80 % da axuda antes de iniciar as prácticas, coa finalidade de que a falta de liquidez non sexa un impedimento para participar nesta experiencia. 

Os destinatarios deste programa son mozos e mozas menores de 30 anos que estean inscritos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da comunidade autónoma de Galicia. Nas axudas individuais os beneficiarios terán que ter 18 anos feitos, mentres que nos outros dous poderán participar dende os 16 anos, a criterio das entidades.

Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permite confirmar a participación nos programas de educación non formal e sobre todo validar as competencias adquiridas. Galicia é a única comunidade que certifica a participación xuvenil.

A anterior convocatoria de Galeuropa fixo posible que 310 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos completasen a súa formación con prácticas no estranxeiro.

Temas: MOCIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta