Silleda celebrará o 4 de xuño un referendo para aprobar o traslado da sede municipal

O Goberno de Feijóo dá luz verde á convocatoria, que xa recibira a autorización do Consello de Ministros o 24 de marzo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/04/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

¿Está vostede de acordo no traslado da Casa Consistorial --Rúa Trasdeza número 55-- e demais servizos municipais situados noutras dependencias ao edificio actualmente destinado a Casa da Cultura?" Esta será a pregunta que se lle fará aos veciños de Silleda nun referendo no que terán que decidir sobre o traslado do edificio do concello.

Casa do Concello de Silleda
Casa do Concello de Silleda | Fonte: Concello de Silleda

O Goberno galego aprobou este xoves o decreto que convoca a consulta popular sobre o traslado da Casa Consistorial de Silleda (Pontevedra), que se celebrará o próximo 4 de xuño e que xa fora autorizada polo Consello de Ministros o 24 de marzo.

Con resposta permítense dúas opcións: "Si, estou de acordo co traslado" e "Non, estou en contra do traslado". O Consello de Ministros alegou no seu día que se autoriza a consulta ao cumprir todos os requisitos formais e materiais que establece o artigo 71 da Lei de Bases do Réxime Local.

Sinalou, así mesmo, que se cumpriron os requisitos "formais ou de procedemento", así como os "requisitos materiais: asunto de competencia propia municipal, asunto de carácter local, temas de especial relevancia para os intereses dos veciños e asunto que non é relativo á Facenda local".

Gastos

Á súa vez, no decreto aprobado este xoves fíxase que a consulta terá lugar o 4 de xuño, de acordo coa decisión do goberno local, que comunicou esta data á Administración autonómica. Ademais da data, tamén se recolle a pregunta que se formulará na consulta, así como as respostas. Todo iso axústase ao previamente ratificado polo Consello de Ministros.

Feijóo incidiu en que o financiamento de todos os gastos relativos á consulta correspóndenlle ao Concello, que dirixe o socialista Manuel Cuíña, así como todas as disposicións, acordos ou habilitación de medios persoais e materiais necesarios para a súa realización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta