PSOE e BNG piden que se investigue se hai relación entre o xefe de Persoal da Deputación de Ourense e unha fraude

Manuel Baltar elude dar explicacións sobre o tema "ata ter máis información" sobre o asunto

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2017 | Actualizada ás 17:56 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os portavoces do PSOE e do BNG na Deputación de Ourense solicitaron a posta en marcha dunha comisión de investigación por mor da investigación do xefe de Persoal do ente, José Luís Suárez, nunha operación policial sobre unha suposta fraude en cursos de formación.

Así o sinalaron este venres no pleno da Deputación de Ourense, despois de pedir explicacións ao presidente da institución provincial, Manuel Baltar, sobre os motivos polos que a Policía Nacional notificou a Suárez que está investigado e que declinase calquera resposta ata "ter máis información" relacionada co caso.

O portavoz do PSOE, Francisco Fraga, pediu "unha investigación interna" despois de cualificar como "alarmante" que un asunto "con centos de miles de euros públicos, presuntamente roubados, salpique de forma directa" á Deputación e "manche a súa imaxe".

Para o portavoz socialista é "necesario" que se abra unha investigación interna "ante a gravidade do que está a transcender e en relación á sospeita de que se pagaba por postos de traballo".

Fraga Civeira reclamou que a investigación "chegue ata o final".

Tamén o portavoz do BNG, Ramiro Rodríguez, apostou por "solicitar toda a información posible" e investigar co obxectivo de reclamar "as responsabilidades oportunas".

Por parte do BNG non se descarta a posibilidade de pedir a dimisión do xefe de Persoal, aínda que Rodríguez confirmou que no caso de que se demostrase algún tipo de vinculación entre José Luís Suárez e os feitos investigados "sería inasumible que mantivese a súa praza".

"Non sabemos ata que punto está involucrada a Deputación de Ourense", pero "non sería de estrañar que a Deputación estea manchada como case todo o que fai o PP en España", recriminou o portavoz de Democracia Ourensá ao presidente do ente provincial, Manuel Baltar, durante un momento do pleno celebrado este venres.

MÁIS INFORMACIÓN

Todos os portavoces da oposición aproveitaron a súa participación no pleno da Deputación para pedir explicacións o presidente do ente provincial. Baltar contestou a todos a súa disposición a facelo en canto conte "con máis información" sobre o asunto.

Este xoves o xefe de Persoal da Deputación foi notificado que se atopa como investigado por un suposto delito de suborno, en relación a unha fraude relacionada con cursos de formación dun centro de estudos de Ourense.

A investigación, aberta no ano 2015, destapou unha trama ideada polo responsable dunha academia situada no centro da cidade, para obter de forma fraudulenta subvencións públicas; burlando as condicións e requisitos esixidos por lei mediante falsidades e enganos.

Varias das persoas investigadas sinalaron a existencia de "un contacto na Deputación" que colaboraba co propietario do centro de estudos para introducir nesta entidade a determinados alumnos. Tamén aseguraron que a algúns destes alumnos chegóuselles a ofrecer unha praza na Deputación pagando ata 12.000 euros.

A raíz do operativo posto en marcha pola unidade de delincuencia especializada e violenta da Comisaría de Ourense, detívose a cinco persoas e outras dúas (entre quen se atopa José Luís Suárez) están investigados no marco desta causa que instrúe o Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta