AM.- Adolfo Domínguez regresa aos 'números vermellos' tras pechar 2016 con perdas de 23 millóns

O deseñador galego destaca que o cambio de dirección permitiu "pechar a brecha e que non se perda diñeiro"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2017 | Actualizada ás 19:11 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A firma de moda galega Adolfo Domínguez regresou aos 'números vermellos' en 2016 tras pechar o seu exercicio fiscal 2016-2017 (de marzo de 2016 a febreiro de 2017), con perdas de 23 millóns de euros, fronte aos 7,7 millóns de euros que gañou no exercicio anterior, segundo comunicou a empresa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

As vendas da insignia téxtil, que celebra os seus 20 anos en Bolsa, eleváronse un 4,3% o pasado exercicio, ata alcanzar os 110,2 millóns de euros, respecto dos 105,7 millóns de euros rexistrados en 2015.

O resultado bruto de explotación (Ebitda) rexistrou perdas de 8,7 millóns de euros, o que supón unha mellora do 51%, fronte aos 'números vermellos' de 17,8 millóns de euros do exercicio precedente.

A pesar destes datos, a empresa defendeu unha mellora nos seus datos económicos de 2016, a raíz do cambio de equipo de dirección

e a posta en marcha dun novo consello de administración o pasado mes de agosto.

Así o expresou este venres o presidente e fundador da firma, Adolfo Domínguez, na sede da empresa en Ourense, durante a presentación do novo equipo directivo e dos resultados económicos de 2017 na sede da empresa en Ourense.

"A antiga dirección tiña unha mala estratexia e xestionaba mal o día a día. Durante os seus últimos 18 meses perderon 2,2 millóns de euros cada mes. Leváronnos ao case ao momento do desastre", explicou Adolfo Domínguez.

ADOLFO DOMÍNGUEZ: "XA NON SE PERDE DIÑEIRO"

O fundador da firma sinalou que ese foi o motivo do cambio de dirección que se produciu a mediados do pasado ano e que permitiu "tapar a brecha" e que "non se perda diñeiro".

"Estamos a gañar dous euros por cada cen que facturamos, cando fai sete meses perdiamos vinte euros por cada cen que se facturaban", concluíu Domínguez.

Nesta mesma liña manifestouse o vicepresidente da compañía, Luís Caramés, que defendeu que "tras cinco anos de inercia negativa e equivocada" a empresa rexistrou o "maior aumento de vendas" do últimos seis anos, cunha subida do 4,3% das vendas totais e unha facturación de 110,2 millóns de euros.

O vicepresidente da empresa confirmou o "xiro" nos datos económicos da empresa a partir do mes de agosto, cando se produciu unha renovación do seu equipo directivo e un cambio nas estratexias de mercado.

Así explicou que no primeiro semestre de ano o Ebitda reflectía unhas perdas de 9.8 millóns de euros. Desde esa data ata febreiro de 2017 o Ebitda tivo un resultado positivo de 1,1 millóns de euros.

"Por primeira vez en moito tempo", a empresa remata o ano cun resultado positivo, por importe de 1,1 millóns de euros, e cun aumento do Ebitda de 10,9 millóns de euros, sinalou Luís Caramés.

Para o vicepresidente da compañía este cambio de tendencia baseouse en "un novo equipo máis motivado" e en catro eixos: a mellora do plan de compras; unha mellor loxística, distribución e e-commerce; un cambio na estratexia á hora de abrir tendas e pola aposta por novas canles de venda.

INCREMENTO DE VENDAS

Na súa intervención incidiu no aumento de vendas en case todos os mercados, especialmente México (11,5%), Perú (9%), España (8,9%) e nos mercados de Oriente Próximo.

O director de Control de Xestión da empresa, Antonio Puente, abundou na aposta da compañía polos mercados con maior rendibilidade e no peche das tendas con peores resultados económicos.

No novo mapa de tendas aumenta o seu peso o mercado internacional (37%), coa presenza da firma en 36 países, que supón "un crecemento de case dez puntos nas contas da compañía", explicou Antonio Puente.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta