As subvencións da Xunta e da Deputación que puido estafar AEXPA

O alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación está imputado nunha trama de presunta corrupción cuxo epicentro é AEXPA ( Asociación de Ex-alumnos do Centro San Pablo) de Ourense. A Policía detivo a cinco persoas por presunto fraude de cursos de formación, unha delas funcionaria da Xunta que puido falsificar compulsas.

Por Manuel Vilas | Ourense | 29/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O xefe de Persoal da Deputación de Ourense, José Luis Suárez, confirmou, en declaracións a Europa Press, que o xoves recibiu unha comunicación para personarse na comisaría da Policía Nacional, onde lle notificaron a súa situación de investigado por un suposto delito de suborno nun operativo sobre fraude en cursos de formación.

José Luís Suárez (dereita) con Manuel Baltar na Deputación de Ourense.
José Luís Suárez (dereita) con Manuel Baltar na Deputación de Ourense.

Respecto diso, Suárez afirmou que non ten "nada" que ver con esa academia investigada e rexeitou que exista relación con cursos de formación por parte da Deputación de Ourense, pero engadiu que descoñece calquera vinculación doutro tipo, como a relativa a subvencións.

Cursos baixo sospeita

Con todo, no Diario Oficial da Provincia aparecen varias subvencións á AEXPA. Así, por exemplo, logrou unha subvención de 2.000 euros en 2012 para un curso de formación de ESO para adultos. Ese mesmo ano apañou outros 2.000 euros da Deputación por un curso de atención a doentes de alzheimer.  En 2008, AEXPA logrou 30.000 euros da Deputación por un Congreso de Arete e Historia Medieval en Ourense.

Un dos detidos está casado cunha funcionaria da Xunta, que tamén foi detida nesta operación. Segundo a Policía, a funcionaria tiña “acceso a un selo de compulsa persoal" co que daba validez a documentos falsos. 

José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación ourensá
José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación ourensá | Fonte: Concello de Monterrei

O certo é que AEXPA apañou tamén subvencións da Xunta. En 2014 logrou 43.000 euros por un curso de deseño web a través da Consellería de Traballo. 

Ademais, AEXPA, que segundo a Policia tiña unha actividade “ficticia”, presentouse en numerosas ocasións a outras convocatorias da Xunta e da Deputación sen éxito. En varias resolucións aparece que as súas solicitudes son desestimadas por erros formais moi evidentes, como presentar a solicitude fóra de prazo ou sen a documentación pertinente. AEXPA presentábase a todo tipo de convocatorias, de Emigración, Traballo, Igualdade, etc. e con cursos do máis variopinto. 

A investigación, iniciada en 2015, destapou unha trama ideada polo responsable do citado centro de estudos situado no centro da cidade, pero que xa non existe, para obter de forma fraudulenta subvencións públicas; burlando as condicións e requisitos esixidos por lei mediante falsidades e enganos. Trátase do Centro San Pablo, que estaba situado na rúa Manuel Pereira.

Contacto na Deputación para vender postos de traballo

Segundo resume Europa Press, varias das persoas investigadas sinalaron a existencia de "un contacto na Deputación" que colaboraba co propietario do centro de estudos para introducir nesta entidade a determinados alumnos. Tamén aseguraron que a algúns destes alumnos chegóuselles a ofrecer unha praza na Deputación pagando ata doce mil euros.

Este xoves na Comisaría da Policía Nacional, o xefe de Persoal da Deputación recolleu unha notificación na que se lle comunicaba que estaba investigado por un suposto delito de suborno, en relación á investigación por suposto fraude en cursos de formación dun centro de estudos de Ourense.

Por mor deste operativo a Policía Nacional detivo a cinco persoas por falsidade documental, contra a facenda pública e a Seguridade Social, contra a Administración pública e por branqueo de capitais, estafa e suborno.

Outras dúas persoas, entre as que se atopa o xefe de Persoal da Deputación e alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, atópanse como investigadas.

Reacción da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense abrirá un expediente informativo co fin de solicitar información e "determinar se existe algunha relación" entre o xefe de Recursos Humanos da institución provincial, José Luís Suárez, e o investigado na operación policial sobre unha suposta fraude de máis de 500.000 euros en cursos de formación, así como a súa actuación "no exercicio das súas funcións como empregado público provincial".

O ente provincial confirmou este venres, a través dun comunicado, que incoará un expediente para "solicitar" toda a información dispoñible e "poder avaliar con coñecemento de causa" a relevancia das investigacións policiais neste caso, a efectos de "adoptar as medidas que procedan".

A oposición pide claridade

Pola súa banda, PSOE e BNG piden que se investigue se hai relación entre o xefe de Persoal da Deputación de Ourense e unha fraude.

O portavoz do PSOE, Francisco Fraga, pediu "unha investigación interna" despois de cualificar como "alarmante" que un asunto "con centos de miles de euros públicos, presuntamente roubados, salpique de forma directa" á Deputación e "manche a súa imaxe".

Para o portavoz socialista é "necesario" que se abra unha investigación interna "ante a gravidade do que está a transcender e en relación á sospeita de que se pagaba por postos de traballo". Fraga Civeira reclamou que a investigación "chegue ata o final".

Tamén o portavoz do BNG, Ramiro Rodríguez, apostou por "solicitar toda a información posible" e investigar co obxectivo de reclamar "as responsabilidades oportunas".

Por parte do BNG non se descarta a posibilidade de pedir a dimisión do xefe de Persoal, aínda que Rodríguez confirmou que no caso de que se demostrase algún tipo de vinculación entre José Luís Suárez e os feitos investigados "sería inasumible que mantivese a súa praza".

Academia Centro San Pablo en Ourense nunha imaxe do Google Maps
Academia Centro San Pablo en Ourense nunha imaxe do Google Maps
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eusi

Justino, Selas, Antonio Amaro, Santiago Parra andarán de cagarría (ou talvez non lle caiba un alfinete no c_)... a cantidade de sobres que andaban por detrás é para seguir investigando a fondo

1 Fuilco

Cousas do sector galeguista do PP. Baltarismo en estado puro.